O que Feijóo di que vai facer ata 2016

Feijóo, con Rueda e Puy na noite electoral © PPdeG

Nos tempos da mercadotecnia e da colisión -ou arrasamento- da política polos máis ou menos indeterminados mercados os programas electorais rara vez son centro de atención e quedan lonxe máximas como o célebre "programa, programa, programa" co que Julio Anguita resumía a súa aposta por que Izquierda Unida pactase ou non co PSOE en función de acordos concretos, e non por sistema. Malia todo isto, e aínda que non estivese na mente de moitas persoas, o certo é que o pasado 21 de outubro nas urnas galegas dirimiuse o futuro do país elixindo deputadas e deputados de formacións políticas con cadanseu programa. O que venceu foi o PP e, polo tanto, cabe supoñer que a proposta programática dos conservadores pode ser un guieiro para albiscar algunhas das accións do segundo goberno de Alberto Núñez Feijóo.

O programa inclúe plans concretos que semellan de difícil realización, como reducir "a cero" o gasto en alugueres

Voluminoso en páxinas, o programa coordinado polo deputado Pedro Puy combina propostas xerais tan difíciles de cumprir como de incumprir -caso, por exemplo, das "accións a medio prazo para recuperar o emprego"- con outras moi concretas que, sobre o papel, semellan con bastantes posibilidades de colisionar coa realidade, como a promesa de "reducir a cero" o gasto da Xunta en alugueres de locais -o Goberno galego ten boa parte da súa administración espallada por locais arrendados-. É precisamente este, a redución de gasto, un dos piares do proxecto que os conservadores se propoñen estender ata 2016, e nel colle dende a máis que probable redución do cadro de persoal público ata o recorte do Parlamento, que pasará de 75 a 61 deputados en aras da "austeridade".

Asegura Feijóo que a crise e o desemprego son a súa prioridade e neste ámbito destaca, por exemplo, a intención do PP por "atender" as persoas que se decidan pola "volta ao rural", coa "creación de hortas familiares na periferia das cidades" ou o compromiso para poñer en marcha ata catro programas de incentivos á contratación baixo os nomes Traballa, Mellora, Combina e Contrata. Potenciar o sector do turismo con apostas que se prevén controvertidas, como a elaboración dun "plan de turismo de golf", ou a subvención de contratos para xente moza de apenas tres meses de duración son outras das iniciativas contidas no documento que os populares afirman que empezarán a desenvolver dende novembro, cando o novo Parlamento estea en marcha. 

Feijóo, con Rueda e Puy na noite electoral © PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.