A Xunta Electoral de Ferrol declarou nulos este venres os catro votos impugnados en Ortigueira: dous favorables ao PP e dous ao PSOE. Ambas papeletas estaban riscadas con lapis e foron finalmente anuladas, nunha decisión que pode ser clave para a composición dun futuro goberno que segue a ser unha incógnita na capital ortegana e da que estaban pendentes socialistas, populares e toda a vila.
Tan decisivos como que o candidato do PP, Valentín Calvín, confiaba nesas dúas papeletas para acadar un concelleiro máis, xa que quedou a dous votos de sumar un novo concelleiro, o sexto, que facilitaría a súa chegada á alcaldía. Os populares -que superaron o 40% dos votos tras medrar nuns 200 sufraxios- quedan agora con cinco concelleiros e, como forza máis votada, precisarían o apoio de dous edís para sumar a maioría absoluta.
A Xunta Electoral declarou nulos catro votos impugnados: se os dous do PP fosen dados por válidos, os populares sumarían un edil máis e achegaríanse á alcaldía
O quebracabezas é total en Ortigueira. Juan Penabad, o cabeza de lista do PSdeG local e actual alcalde, perdeu máis de 500 votos e baixou a catro edís, pero mantén opcións a renovar na alcaldía. Tamén ten todas as esperanzas Calvín. Pero ambos dependen agora, sobre todo, de dous partidos locais que son escisións das dúas grandes formacións: Primeiro Ortigueira (P. Orti) e Xunto a Ti (XA), pero tamén do BNG, que entrou na corporación logo de quedar fóra en 2019.
P. Orti, liderada por Ana Franco, é unha escisión do PP e, a priori, a opción de pactar cos seus antigos compañeiros de partido non era a opción máis desexada. Tampouco é para Isabel Rego, cabeza de lista de XA que fora expulsada do goberno socialista no anterior mandato, e que xa advertira que se dela dependese Muras non repetiría na alcaldía.
Dúas formacións locais, de escindidos do PP e do PSOE, son a clave para decidir se o socialista Muras repite na alcaldía ou se é substituído polo candidato popular
Contando co que o BNG apoiase de novo un goberno do PSOE, Muras precisaría tamén do apoio de Primeiro Ortigueira, o mesmo que busca Calvín, que podería explorar tamén a opción dun pacto con XA e -improbable- do BNG. No caso de que ningún deles acade a maioría absoluta, o popular sería o elixido como rexedor por ser o cabeza de lista da candidatura que suma máis votos.
Todo logo dunha impugnación de catro papeletas na mesa da parroquia de San Adrián por parte do PSOE e do PP que quedou en nada, pero que puido mudar todo se algún dos catro votos riscados fosen declarados válidos.