A Xustiza considera que o banco executou indebidamente unha modificación substancial das condicións de traballo ao retirarlle o beneficio co que conta o seu persoal porque non deixou de selo senón que entrou en excedencia forzosa por cargo público
A lei establece que calquera persoa elixida para un cargo público ten dereito a unha excedencia forzosa durante a que conserva o seu posto de traballo e computa antigüidade na empresa. A esa figura acolleuse en xullo de 2023, tras ser elixida días antes alcaldesa de Samos, logo das eleccións municipais de maio, María Xesús López, do BNG, que ata aquel momento traballaba no Banco Sabadell.
Grazas a un acordo de beneficios sociais da empresa co seu persoal López viña desfrutando, como outros traballadores do Sabadell, dunha hipoteca en mellores condicións que a clientela. Pero ao coller a excedencia para ser alcaldesa o banco subiulla, o que a xustiza vén de considerar unha modificación substancial das condicións de traballo, que anula por inxustificada.
Segundo a sentenza agora feita pública polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), con data do 29 de xaneiro, María Xesús López desfrutaba como traballadora do Sabadell dunha hipoteca cun tipo do Euribor menos 0,5%. Foi candidata do BNG nas municipais do 28 de maio de 2023, nas que esa formación obtivo 3 concelleiros que unidos aos 2 logrados polo PSdeG déronlle a alcaldía a López fronte aos 4 edís do PP, que concorrera aos comicios fichando o fillo do ata daquela alcalde socialista.
López foi elixida alcaldesa tras as municipais de maio de 2023 e o Sabadell subiulle a hipoteca do Euribor menos 0,5% que desfrutaba como persoal do banco "a condicións de cliente" co 7,397%
Tras as eleccións, e antes de asumir o cargo, López pediu información ao banco sobre as opcións laborais que tiña, ao que lle contestaron, entre outras cuestións, que podería manter a hipoteca. Porén, posteriormente comunicáronlle que só tiña a opción de cancelar a hipoteca ou que esta pasase do Euribor menos 0,5% que desfrutan os empregados grazas ao acordo social de empresa e persoal "a condicións de cliente", co 7,397%. Sobre a resposta previa que recibira, o banco pasou a considerala "non vinculante" xa que "se trataría dun erro de interpretación dos anteditos acordos ou dun malentendido".
Segundo a empresa, o acordo social só contempla que se manteñan as hipotecas favorables a persoal que se acolla a excedencias maternais ou de coidado de familiares "pero non establece nada para excedencias forzosas por cargo público".
López recorreu á xustiza e un xulgado do Social de Lugo considerou que a hipoteca formaba parte das súas condicións de traballo, declarando en agosto do pasado ano "inxustificada a modificación substancial" destas e recoñecéndolle o dereito a manter a hipoteca favorable.
Tanto López como o Sabadell recorreron esa sentenza ante o TSXG, o banco insistindo en que se debía aumentar a hipoteca e a afectada reclamando que a empresa vulnerara tamén o seu dereito fundamental ao exercicio dun cargo público. E agora o TSXG vén de ratificar a sentenza previa sen estimar as novas alegacións das dúas partes.
Por unha banda o tribunal sinala que, polo importe a debate, a sentenza previa non podería ser recorrida. Aínda así, analiza a cuestión de se o banco discriminou a López por exercer cargo público, o que descarta considerando o sucedido como un simple debate sobre a interpretación do acordo social interno. O resultado final é que o TSXG avala a sentenza previa do xulgado do Social de Lugo e o Sabadell terá que manterlle á alcaldesa de Samos as condicións da hipoteca que tiña como empregada do banco.