O Sergas está disposto a pagar 7,3 millóns a quen o axude a recuperar 48 estafados en cueiros para adultos

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

A asesoría xurídica a Xunta di non ter capacidade para reclamar ao cartel de empresas que durante vinte anos amañou o prezo dos cueiros para adultos e prevé pagar a avogados externos entre o 10% e o 15% do que recuperen

Entre 1996 e 2014 empresas de cueiros para adultos e material absorvente amañaron entre elas os prezos que cobraron a administracións públicas de toda España. Ese comportamento foi multado pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) con 128 millóns de euros e tras avalar a xustiza esa sanción agora as administracións afectadas están a reclamar ás empresas o sobrecusto que lles supuxo. Un proceso que o Goberno galego asume que será longo e para o que vén de convocar un concurso co que contratar avogados externos aos que está disposto a pagar ata o 15% dos cartos que logren recuperar, logo de que a asesoría xurídica da Xunta dixese non ter capacidade para facelo ela. 

Cálculo do Sergas do que está disposto a pagar ao despacho de avogados que lle axude a recuperar os sobrecustos do 'cartel dos cueiros' CC-BY-SA Praza Pública

Tras confirmarse xudicialmente a responsabilidade do denominado cartel dos cueiros, agora as administracións deben probar o dano efectivo que lles causou o amaño de prezos. A Xunta conta cun informe "preliminar" da Universidade de Santiago, e a partir del deseñou o concurso co que agora quere contratar un despacho de avogados especializado neste tipo de reclamacións. 

Segundo a xustificación da Xunta, a súa propia Asesoría Xurídica non ten capacidade para un proceso longo e complexo tecnicamente como este, no que hai que recompilar todos os pagamentos realizados ás empresas condenadas e calcular e certificar os sobrecustos que supuxeron. 

Un hospital galego CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Nunha nota de prensa divulgada este martes a Xunta cifra en preto de 300 millóns de euros o pagado en total ás empresas implicadas durante os preto de 20 anos de funcionamento do cartel ilegal. Nese comunicado a Xunta di que será a proba pericial da que se encargarán os avogados contratados a que concretará canto deses cartos foron de sobrecusto. Pero os pregos de condicións do concurso convocado este martes xa sinalan que a Xunta está disposta a pagar ao despacho de avogados que finalmente contrate ata un máximo de 7,3 millóns de euros, importe "calculado aplicando a porcentaxe máxima do 15% de cota litis, sobre o importe máximo estimado de recuperación considerado no expediente". 

Isto é, segundo esa cifra e porcentaxe, a Xunta aspira a recuperar ata 48 millóns de euros, dos que pagaría ao despacho de avogados ata o 15% da contía obtida finalmente. Porén, os despachos de avogados interesados tamén poden rebaixar a porcentaxe ata un mínimo do 10% para así teren maiores posibilidades de gañar o concurso. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.