Rueda anuncia que a aplicación móbil do Sergas ofrecerá "nuns días" a información de xeito voluntario, individualizado e confidencial
O Sergas vai ofrecer a través da súa aplicación móbil a posibilidade de que cada doente coñeza o custo de cada consulta, análise, tratamento, ingreso ou atención de emerxencias que recibiu da sanidade pública galega. Así o anunciou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que avanzou que "nuns días" se poderá acceder aos primeiros datos e estes iranse ampliando ao longo do que queda de ano. Durante a presidencia de Manuel Fraga o Sergas tamén informaba por carta aos doentes do custo dalgunhas atencións médicas.
Segundo salientou este luns o presidente, a información económica que agora se vai ofrecer a través da aplicación do Sergas incide na "transparencia" que o Goberno galego quere ter cos gastos da sanidade pública galega. Rueda asegurou que a información será ofrecida "de xeito voluntario e individualizado" e garantindo a "confidencialidade" de cada doente.
O presidente presenta a medida como un exemplo da "transparencia" que a Xunta quere ter cos gastos da sanidade pública galega
"Esta mesma semana tentaremos dar acceso a aqueles que desexan saber o custo real de consultas, probas, análises ou medicamentos", dixo Rueda, que avanzou que "no que queda de ano" ofrecerase tamén información sobre o gasto en estancias hospitalarias, intervencións durante eses ingresos, mobilizacións de ambulancias ou atencións a domicilio.
"Toda persoa que estea dada de alta na aplicación e que así o decida pode saber o custo da atención", incidiu Rueda.