O Supremo mantén preso a Junqueras e impídelle tomar posesión como eurodeputado malia a sentenza da UE

Oriol Junqueras, no Congreso dos Deputados © ERC

O Tribunal Supremo mantén na cadea a Oriol Junqueras e rexeita darlle un permiso para tomar posesión como eurodeputado ao considerar que ao estar xa condenado en sentenza firme, non goza de inmunidade e é inelixible. 

Esa foi a resposta que deu a Sala do Penal ás peticións formuladas ás acusacións do xuízo do procés e a defensa do líder de ERC logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que determinou que Junqueras tiña que ter sido recoñecido como eurodeputado de pleno dereito, con inmunidade, desde a proclamación dos resultados electorais das europeas o pasado 13 de xuño, un día despois da finalización do xuízo do procés.

O tribunal do procés entende que a existencia dunha sentenza firme implica a exclusión da condición de eurodeputado de Oriol Junqueras

A Sala que preside Manuel Marchena lembra que a situación de prisión provisional de Junqueras terminou cunha condena firme de 13 anos de prisión e inhabilitación, polo que pesa sobre el unha "causa de incompatibilidade" que oexclúe" da Eurocámara. Ademais, o Supremo asegura que a inmunidade de desprazamento non é unha "blindaxe" fronte á sentenza e nega que haxa causa ningunha de nulidade do xuízo, que terminou un día antes de que fose proclamado europarlamentario, e tampouco da sentenza condenatoria. 

Mobilización pola liberdade dos líderes políticos cataláns © ANC

Xa poucas horas despois de que se fixese pública a sentenza do TXUE a Fiscalía solicitara a  inhabilitación de Junqueras como eurodeputado e amosábase en contra da súa excarceración. Logo, a Avogacía do Estado mostrábase favorable  que acudise baixo vixilancia a tomar posesión do seu cargo como eurodeputado e de permitir o cumprimento da súa misión parlamentaria de maneira compatible co cumprimento da sentenza do procés, á que outorgou "total validez". A defensa do ex-vicepresident, pola súa banda, solicitara a súa posta en liberdade e que a sentenza do procés fose anulada.

A sala do Supremo segue o ronsel da Fiscalía e sitúase en contra do criterio da Avogacía do Estado

Agora, a mesma sala que axuizou o procés, seguiu o ronsel da Fiscalía e determinou que ao estar xa condenado a unha pena de prisión, a situación de inmunidade da que gozan os europarlamentarios xa quedaría superada no caso de Junqueras. "A Sala non pode aceptar o que a lei non permite aceptar", di o auto.  

Esta decisión é paralela á que tomou este xoves a Sala do Contencioso do Supremo, que mantivo polo momento a decisión da Xunta Electoral Central (JEC) de non outorgar a credencial de eurodeputado a Junqueras. Os xuíces rexeitaron a suspensión deste acordo da XEC como medida cautelarísima solicitada pola defensa de Junqueras. O recurso tramitarase agora de forma ordinaria e dáse traslado de alegacións por cinco días á XEC antes de decidir.  

O auto conclúe que a "prevalencia obrigada" á xurisdición da orde penal impide á Sala do Contencioso adoptar decisións que "puidesen interferir" na execución dunha sentenza firme ou "entorpecer a eficacia dos seus pronunciamientos". É dicir, que non procede adoptar as medidas cautelarisimas solicitadas ao existir unha sentenza penal que é firme e que condenou a Junqueras a 13 anos de cárcere e inhabilitación.  

"A preocupación medra en toda Europa pola degradación democrática do Estado español", di Torra

Ante estes dous pronunciamentos, o president da Generalitat, Quim Torra, e o vicepresidente, Pere Aragonès, criticaron con dureza o Supremo e consideran que o tribunal debería ter atendido os criterios do TXUE. 

"A preocupación medra en toda Europa pola degradación democrática do Estado español", dixo Torra na súa conta de Twitter. Aragonès, pola súa banda, cualificou a decisión de "escándalo" e cre que a xustiza española é "unha vergonza". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.