O tráfico da AP-9 xa medra como antes da crise mentres o Goberno de Rajoy bloquea o seu traspaso

Atasco na peaxe da AP-9 en Teo ante un sinal de "pago fácil" CC-BY-SA Praza Pública

O pasado mes de agosto volveu haber engarrafamentos nas cabinas de peaxe da Autoestrada do Atlántico. Mesmo tivo que ser cortada nalgunha ocasión por mor de incendios forestais. Como adoito, estes imprevistos non impediron que tiveron que pasar por caixa cada un dos case 30.000 vehículos que, de media, transitaron pola principal vía de comunicación terrestre de Galicia cada día dese mes. Esa cifra supuxo un crecemento superior ao 6% a respecto do mesmo mes do ano anterior. Ese ritmo á alza, unido aos bos resultados do pasado 2015, permite concluír que Autopistas del Atlántico, S.A., xa pode exhibir uns ritmos de crecemento semellantes aos anos previos á crise económica mentres o Goberno de España procura bloquear o traspaso da infraestrutura á Xunta, como reclamou por unanimidade o Parlamento de Galicia.

O pasado agosto o tráfico da AP-9 medrou por riba do 6% a respecto do ano anterior

Mentres non cesan os ruxerruxes en torno a unha posible venda de case a metade das accións de Itínere, grupo propietario de Audasa -movemento que dependería da construtora Sacyr, propietaria do 15%, pero tamén de Abanca, que manexa o 24% 'herdado' das desaparecidas caixas, e mais de Liberbank, que controla o 6%- os números do negocio non deixan de mellorar para facer máis atractiva a operación. O incremento dos tráficos permite, malia ás puntuais bonificacións e rebaixas nas portaxes -compensadas parcialmente por fondos públicos-, que Audasa ingresara máis de 64 millóns de euros nos primeiros seis meses do ano, segundo datos rexistrados na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), uns dous millóns máis que no mesmo período do ano anterior.

En 2015 os beneficios de Audasa achegáronse aos 45 millóns de euros despois de impostos

Esta combinación de factores, máis tráfico e máis ingresos por portaxe, permite augurar un escenario no que os beneficios da compañía seguirán a mellorar, como xa o levan facendo dende 2014, poñendo así fin a case media década de descensos de ganancias. O último exercicio económico, o de 2015, a concesionaria da AP-9 gañou 44,7 millóns de euros despois de impostos que se destinaron integramente a dividendos -foron distribuídos entre os seus accionistas-. Este valor sería especialmente relevante no caso de que as Administracións públicas decidisen rescatar a concesión xa que, ao contrario do manifestado polo Ministerio de Fomento, o valor da empresa e das compensacións que esta tería que recibir habería que calculalo a partir dos beneficios, e non dos ingresos por peaxes.

Mentres todo isto sucede a parte política, a do traspaso a Galicia, semella manterse en vía morta. Despois de que, aínda estando en funcións, o Goberno de Mariano Rajoy comezase a manobrar para vetar no Congreso a petición galega baseándose, como detallou Praza.gal, nun cálculo erróneo -inchou o valor dun eventual rescate que, por outra banda, non tería que producirse necesariamente coa transferencia-, o presidente da Xunta instou a agardar pola súa nova toma de posesión. Agora, xa con ambos Executivos en plenas funcións, Alberto Núñez Feijóo vén de asegurar, nunha entrevista na Radio Galega, que esta competencia será a "primeira" que solicite ante o gabinete do seu xefe de filas. No entanto, o primeiro intento da oposición galega para que a Cámara autonómica fixase posición ao respecto saldouse cun bloqueo, tamén pola banda do PP.

Feijóo terá que fixar posición sobre o traspaso na primeira sesión de control da lexislatura

No Parlamento será, precisamente, onde este mércores o presidente teña que volver abordar o tema. Será durante a primeira sesión de control da lexislatura, na que a voceira do BNG, Ana Pontón, o cuestionará sobre as "actuacións" que ten "previstas" para facer valer a reclamación galega ante o Goberno central. No Executivo de Rajoy, no entanto, mantense que este traspaso implicaría un incremento de gasto porque pode traer consigo o rescate, e por iso tenta bloquealo baseándose no artigo da Constitución que fixa as modificacións do orzamento como unha competencia exclusiva do Goberno de España.

Fragmento do informe remitido polo Goberno en funcións ao Congreso CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.