O traspaso da AP-9 a Galicia suma outros dous meses de atraso pola ausencia de actividade no Congreso

Martín Fernández Prado (PP), Antón Sánchez (En Marea) e Luis Álvarez (PSdeG), no Congreso durante a toma en consideración o pasado decembro da proposición de lei galega para transferir a AP-9 CC-BY-SA Praza Pública

Sete meses despois de que a Cámara baixa admitise a trámite a petición unánime galega tras anos de bloqueo polo PP, o cambio de lexislatura volve mantela no aire

Hai sete meses o Congreso dos Deputados, cos únicos votos en contra de Ciudadanos, admitía á fin a trámite a proposición de lei para a transferencia da AP-9 a Galicia formulada de xeito unánime por todo o Parlamento galego. Facíao tras anos de bloqueo, cunha interpretación forzada da Constitución, por parte do Goberno de Mariano Rajoy. Porén, poucas semanas despois Pedro Sánchez adiantaba as eleccións xerais e disolvía as Cortes, paralizando así tanto esa tramitación como outras cuestións como o remate da comisión de investigación de Angrois. Constituído novamente o Congreso a finais de maio, dous meses despois a súa inactividade á espera de que se forme un novo Goberno volve manter paralizada a transferencia da AP-9.

Desta volta, ao contrario que nas ocasións anteriores, non hai un interese especial por parte de ningún grupo en paralizar a tramitación da transferencia da AP-9 senón que o parón afecta a todo tipo de iniciativas mentres non quede claro que vai haber un novo Goberno e que as Cortes non van ser novamente disoltas para novas eleccións en outono. Pero a nova paralización engádese a anos de ida e volta da petición galega entre o Pazo do Hórreo e a Carrera de San Jerónimo.

A AP-9, ao seu paso polo concello de Betanzos © Google Maps

No Congreso tamén están á espera iniciativas para a reversión das centrais hidroeléctricas e mentres o Parlamento de Galicia segue a traballar nunha nova solicitude de transferencia das competencias de tráfico

Xunto coa da AP-9 hai outras 15 proposicións de lei remitidas ao Congreso por parte das comunidades autónomas, outras 32 a proposta de deputados ou grupos políticos e 7 iniciativas lexislativas populares, entre outro tipo de iniciativas de control ao Goberno tamén paralizadas. Entre elas hai algunha tamén con especial incidencia en Galicia, como unha proposición de lei de Unidas Podemos-En Común e unha iniciativa popular que piden á vez a reversión e un novo sistema de xestión das centrais hidroeléctricas a medida que rematen as súas concesións. 

Malia esa parálise en Madrid, o Parlamento de Galicia segue a traballar en novas peticións ao Congreso, como a tamén reactivada das competencias de tráfico, xa solicitada sen éxito no pasado e que xa só está pendente de ser votada, presumiblemente tamén por unanimidade, no Pleno da Cámara galega. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.