O TSXG advirte do risco para o oso pardo de que a Xunta denegue axudas a apicultores por formalismos

Cortín ou alvariza nos Ancares CC-BY-SA Xunta de Galicia

O tribunal condena a Medio Ambiente a pagar 1.793 euros a un apicultor ao que denegara a compensación malia certificar os danos nunha alvariza un técnico da administración 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo pública este luns unha sentenza coa que estima o recurso dun particular dos Ancares dedicado á produción para autoconsumo de mel fronte á Xunta por denegarlle unha axuda de 1.793 euros para paliar os danos ocasionados nas súas colmeas polo oso pardo. Na sentenza o TSXG advirte de que "un excesivo rigorismo (formal)" na tramitación das compensacións pode dar lugar a "un resultado alleo ao obxectivo destas axudas, orientado a asegurar a condición de especie protexida do oso pardo".

Exemplares de oso pardo © Fundación Oso Pardo

Os danos nas colmeas foron certificados por un técnico da Administración como froito do ataque dun oso, pero a Consellería de Medio Ambiente baseou a súa denegación da axuda en que o recorrente non tiña numeradas e identificadas en forma individual as súas colmeas senón só o global da alvariza. Porén, os maxistrados do alto tribunal galego indican que, neste caso, "non figuran advertencias ao apicultor, cuxa instalación si dispoñía do seu número de código REGA (destinado precisamente a tal identificación, aínda que de todo o cortín [alvariza])" e que a esixencia de identificación individual non se explicitaba directamente na convocatoria das axudas senón só facendo referencia nela ao resto de regulación do sector. 

Na resolución, o TSXG destaca que "ningún dos servizos veterinarios que coñeceron da instalación advertiu ao recorrente do seu deber de ter numeradas e identificadas en forma individual as súas colmeas". No fallo, os xuíces aseguran que, unha vez recoñecidos os danos pola propia Administración, "sen que se poida falar neste caso de ningunha sospeita de fraude no comportamento do apicultor (dadas as características da súa instalación: estante, que dispón de chave, pastor eléctrico, con muro de pedra que a protexe, con abellas que non migran, e que produce con destino a autoconsumo)", a esixencia de identificación individual de cada unha das colmeas "perde transcendencia". O tribunal argumenta que si podería ser precisa a identificación individual de cada colmea para explotacións comerciais ou que desprazan as abellas, non sendo o caso.

Fragmento da sentenza do TSXG que censura o formalismo da Xunta coas axudas por danos do oso pardo a alvarizas CC-BY-SA Praza Pública

"Non lle corresponde ao gandeiro asumir os danos e perdas asociados aos ataques do oso ás súas instalacións e bens", di o tribunal

Ante esta situación, o TSXG considera que a esixencia da Xunta dunha identificación individual de cada colmea e non só da alvariza, requisito non explicitado na convocatoria das axudas, supón un formalismo excesivo que pode provocar "un resultado oposto ao obxectivo" das axudas "e da normativa comunitaria europea" que destina fondos "a preservar este tipo de especies protexidas". 

Así, ao ver do tribunal, ese rigorismo da administración "terá probablemente a súa resposta dobre: por unha banda, no comportamento dos gandeiros, lóxica por outra parte, e allea á que resultaría desexable, de abandonar progresivamente este tipo de explotacións [e] por outra, por quedar neutralizada a protección da especie protexida que se pretende fomentar". "Non lle corresponde ao gandeiro asumir os danos e perdas asociados aos ataques do oso ás súas instalacións e bens", conclúe o tribunal. 

Unha alvariza nun monte galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.