O último censo da especie detectou a presenza en Galicia de 11 exemplares dos 370 contabilizados en toda a cordilleira cantábrica
O pasado 7 de febreiro fíxose público o resultado do censo máis actualizado do oso pardo, que detectou a presenza en Galicia de 11 exemplares dos 370 contabilizados en toda a cordilleira cantábrica, o que pola Xunta foi presentado como unha “consolidación” da poboación desa especie en perigo de extinción. Uns días despois tres investigadores do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) publicaban un artigo divulgativo baseado noutro artigo científico previo deles mesmos no que defendían a necesidade de actualizar á nova realidade os plans de recuperación da especie, as ferramentas legais de protección de cada comunidade autónoma e que no caso galego data de 1992.
Hai unha década a Xunta iniciou os trámites para actualizar ese documento, pero paralizounos argumentando un elevado volume de alegacións e non volveu reactivalos. Agora, ante a nova petición dos expertos, que vén sumarse a outras previas de colectivos ecoloxistas galegos, a Consellería de Medio Ambiente remítese á estratexia para a conservación do oso pardo aprobada polas comunidades e o Estado en 2019, que apelou a acordar criterios comúns para actualizar os plans de cada comunidade. E á espera de que se chegue a eses acordos, di a Xunta, “non se pode aventurar un cronograma” para actualizar o plan de 1992.
O oso pardo acadou o seu punto máis crítico na cordilleira cantábrica a finais da década dos 80 do pasado século, con apenas media ducia de osas con crías. Nos anos seguintes as comunidades autónomas, as competentes para aplicar as medidas adecuadas en cada territorio para protexer as especies en perigo, aprobaron os seus respectivos plans de recuperación: Cantabria en 1989, Castela e León en 1990, Asturias en 1991 e Galicia en 1992, cando se estableceu unha “area de distribución” do oso limitada a uns 130 quilómetros cadrados nos Ancares. Desas comunidades só Asturias renovou o seu plan en 2002.
"A área delimitada polos plans de recuperación cubre soamente a metade da área de presenza" do oso, din tres investigadores do CSIC nun recente artigo científico
Agora, ante o novo censo que constata a recuperación da especie e a ampliación da súa distribución, tres investigadores do CSIC, Javier Naves, Eloy Revilla Sánchez e Jesús Manuel Díaz Fernández veñen de publicar en The Conversation un artigo divulgativo baseado noutro artigo científico deles mesmos na revista especializada da Society por Conservation Biology no que salientan a expansión do oso a territorios afastados do seu núcleo na cordilleira cantábrica, apuntando á “provincia de Ourense, o suroeste de León e o norte de Zamora”.
Fronte a esta expansión do oso, os autores lamentan que as comunidades non actualizasen os seus plans de recuperación. “No estudo comparamos a área de presenza delimitada por estes plans de recuperación coa área de presenza real, e atopamos que a área delimitada polos plans de recuperación cubre soamente a metade da área de presenza da poboación”, din.
“Esta situación podería ter implicacións no presente e no futuro máis inmediato”, engaden, xa que “por un lado, as novas zonas de presenza que están fóra da área delimitada dos plans de recuperación están suxeitas a unha menor vixilancia e control por parte da Administración e isto podería supoñer un aumento da mortalidade, complicando o establecemento da especie nesas áreas”. E por outro, din, “para permitir a expansión dos núcleos reprodutores parece necesario un mellor estado de conservación do hábitat, que ofreza refuxio e alimento ás femias reprodutoras e lles permita establecerse”, para o que é necesario que as políticas de conservación e mellora do hábitat do oso “se apliquen a todo o rango de presenza actual e non só nas zonas delimitadas polos plans”.

Por último, engaden os autores, o menor control da Administración nas novas áreas de presenza do oso pode dificultar a xestión dos danos que cause a especie, provocando un rexeitamento social cara a mesma. “Por todo isto, consideramos prioritaria a actualización dos plans de recuperación, axustando o ámbito de aplicación das súas medidas á situación actual da poboación cantábrica”, conclúen os expertos.
A petición de actualización do plan de recuperación do oso pardo en Galicia vén sendo reiterada por diversas entidades ecoloxistas do país. Así pasou, por exemplo, cando en 2020 foi gravado un oso pardo no Macizo Central ourensán, moi lonxe dos Ancares nos que foi delimitada a súa zona de presenza en 1992 ou mesmo do Courel no que nos últimos anos foron detectados varios exemplares.
Naquel momento a Plataforma pola Defensa da Cordilleira Cantábrica, ADEGA, Ecoloxistas en Acción e a Sociedade Galega de Historia Natural reclamaron que o plan de 1992 "debería ser revisado para proceder á súa actualización, fundamentalmente no que se refire á súa área de distribución, que cambiou notablemente".
A Xunta iniciou en 2013 a tramitación dun novo plan de recuperación que multiplicaba a área de protección do oso de 1992, pero tras asegurar que recibira "numerosas alegacións" paralizouno
A Xunta iniciara hai agora unha década, en abril de 2013, o procedemento administrativo para aprobar un novo plan de protección do oso. Dous meses despois argumentou que durante a súa exposición pública recibira “numerosas alegacións”, polo que decidiu “ampliar o prazo de información pública” noutro mes máis. Pero o procedemento xa non volveu avanzar.
Aquel novo plan proposto e nunca aprobado hai agora unha década [aquí o PDF] ampliaba notablemente as áreas delimitadas a respecto do de 1992. Se naquel se establecera unha área duns 130 quilómetros cadrados nos Ancares [pode verse neste visor cartográfico da Xunta], o novo documento propuña uns 290 quilómetros cadrados como “área de presenza” -cuns 50 dentro dela como “área crítica”-, e engadía outros 350 quilómetros cadrados como “área de distribución potencial” cara ao Courel.

Pero unha década despois aquela revisión nunca se aprobou e agora, ante o novo censo que constata a expansión do oso e as peticións de expertos para que se actualicen os seus plans de protección, Praza.gal preguntou á Consellería de Medio Ambiente cando prevé aprobar un novo plan. A súa resposta consiste en remitirse á Estratexia de conservación do oso aprobada en 2019 polas comunidades e o Estado que “supuxo unha modificación moi significativa dos criterios de identificación e delimitación dos distintos tipos de áreas, así como a necesidade de delimitar tanto as áreas de distribución potencial, actual e críticas con criterios comúns a todas as comunidades autónomas; polo que é necesario establecer un marco de colaboración interadministrativa que asegure a coherencia na súa xestión”.
A estratexia estatal efectivamente apela a unha coordinación dos criterios, pero sinálao como “recomendable”, ao tempo que incide en que son as comunidades as que teñen que establecer as novas delimitacións e as normas a aplicar en cada zona. Tamén dicía que a denominada “área de distribución actual” do oso “iráse actualizando na medida que se dispoña de nova información sobre a distribución da especie”, algo que agora achega o novo censo.

“Existen actuacións e cuestións técnicas, ademais da actualización do censo da especie, que deben completarse e definirse antes da tramitación e aprobación do novo plan", di agora a Xunta, que engade que "nestes momentos non se pode aventurar un cronograma"
Pero a Xunta di que “existen distintas actuacións e cuestións técnicas, ademais da actualización do censo da especie, que deben completarse e definirse con anterioridade á tramitación e aprobación do novo plan de recuperación do oso pardo en Galicia e que non dependen só desta comunidade autónoma”. “A actualización dos distintos tipos de áreas establecidas na Estratexia aprobada en 2019 só se poderá producir mediante a definición detallada dos criterios de identificación e delimitación destas zonas de maneira coordinada entre todas as Comunidades Autónomas participantes na devandita Estratexia, polo que nestes momentos non se pode aventurar un cronograma”, remata a Xunta.