O TSXG condena a Xunta por acusar unha dependente de ocultarlle unha información que xa tiña

Unha persoa en cadeira de rodas CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego reclamou á afectada que devolvese 18.000 euros en prestacións alegando que non informara de mudanzas na súa situación que a propia administración validara: “consta nos arquivos”, di o tribunal

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir unha sentenza na que desestima as reclamacións da Xunta á nai dunha dependente para que devolvese 18.000 euros en prestacións percibidas ao longo de varios anos. A administración acusábaa de non informala de que a súa filla fora trasladada entre dous centros de titularidade da propia Xunta. Pero a situación non só constaba nos arquivos da propia Xunta senón que esta validara unha actualización da prestación por dependencia cando a afectada xa levaba meses residindo no segundo centro da súa titularidade.

A Xunta non atendeu ao recurso que se lle formulou en vía administrativa e obrigou á nai da dependente a recorrer á xustiza ordinaria. Pero nin cando un xulgado do contencioso-administrativo de Lugo deu a razón á nai cesou na súa postura. O Goberno galego recorreu ao TSXG e este vén de ratificarlle que non ten razón: “ambos centros son públicos, pertencentes á Xunta de Galicia, constando nos seus arquivos a situación”, di a sentenza, que condena á administración ao pago de mil euros en costas xudiciais.

Sentenza do TSXG que rexeita o intento da Xunta de reclamar a devolución dunha prestación a unha dependente CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza a dependente, xa certificada como tal, cursou ata os 12 anos de idade nun centro de ensino público ordinario próximo ao domicilio familiar. Despois pasou a un centro de ensino especial tamén titularidade da Xunta pero nunha cidade afastada que a obrigou a permanecer internada de luns a venres, volvendo á casa as fins de semana ou fóra do período lectivo.

A nai obtivera unha prestación económica de libranza para coidados na contorna familiar cando a filla estaba no centro próximo ao domicilio, e seguiu mantendo a mesma prestación cando pasou ao segundo centro. Ano e medio despois de cambiar de centro a propia administración revisou o caso e mantivo “a libranza anteriormente valorada como recurso idóneo”. Pero catro anos máis tarde a Consellería de Política Social ditou unha resolución de “extinción da libranza para coidados na contorna familiar” con efectos de seis anos antes, a partir do momento en que a dependente pasara do colexio ordinario ao centro de educación especial afastado da casa. Ademais, a Xunta esixiu á nai a devolución de 18.000 euros percibidos nese tempo.

A Xunta recorreu unha primeira sentenza en contra argumentando a literalidade da norma que obriga aos beneficiarios a informar das mudanzas, pero o tribunal di que a propia administración revisara o caso e mantivera a prestación tres anos antes de volvelo facer para retirala

A nai recorreu na vía administrativa as dúas decisións, tanto a de extinción da prestación como a de devolución do percibido, pero ante a negativa da Xunta tivo que acudir á xustiza ordinaria. Un xulgado do contencioso-administrativo de Lugo deulle a razón en outubro de 2021 nunha sentenza que estableceu que o cambio de centro educativo, entre dous de titularidade da propia Xunta, non fora “caprichoso ou arbitrario” e provocara novos gastos de desprazamento á familia. Tamén dixo que a Xunta non podía propor que “se lle extinga a axuda por cambio de circunstancias porque esas -o cambio de centro- xa existían a data de aprobación” da prestación.

A Xunta non aceptou a sentenza e recorreuna ante o TSXG argumentando a literalidade da norma que establece a obriga do beneficiario de “comunicar no prazo de trinta días naturais calquera variación na súa situación, respecto daquela tida en conta para conceder a prestación de dependencia”. Pero o tribunal rexeita novamente os argumentos da Xunta e salienta que ela mesma debía ser coñecedora da situación. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A Xunta reiterara a prestación de libranza para coidados ano e medio despois de que a dependente xa estivese no segundo centro, e o tribunal pregúntase que mudara desde aquel momento ata que tres anos máis tarde a propia administración decidiu revisar o caso. “Ambos centros son públicos, pertencentes á Xunta de Galicia, constando nos seus arquivos a situación” da dependente, di o TSXG, que desestima o recurso do Goberno galego e o condena a asumir as costas xudiciais ata mil euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.