Hai un ano o PP logrou introducir unha emenda para desprotexer o lobo nunha lei sobre desperdicio alimentario que nada tiña que ver coa cuestión, e agora o tribunal galego dubida da súa validez no marco dun proceso de dous grupos ecoloxistas contra a Xunta
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de elevar ao Tribunal Constitucional unha cuestión de inconstitucionalidade sobre á exclusión do lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE) ao norte do Douro, o que implicou unha rebaixa no seu nivel de protección. En concreto, o TSXG dubida da constitucionalidade da emenda introducida hai un ano polo PP (co apoio de Vox, Junts e PNV) nunha lei estatal sobre desperdicio alimentario que foi aproveitada para impulsar esa rebaixa da protección do lobo.
No auto o TSXG explica que a modificación sobre a protección do lobo introduciuse mediante emendas no Congreso nunha lei destinada a previr as perdas e o desperdicio alimentario, polo que non detecta unha relación suficiente entre o obxecto desa norma e a regulación do lobo, o que asegura que provoca dúbidas sobre o cumprimento dos requisitos de homoxeneidade e congruencia esixidas no procedemento lexislativo.
Así, indica que "non se discute que, desde a perspectiva formal da xerarquía normativa, unha norma de rango de lei aprobada polas Cortes Xerais ten rango suficiente para aprobar unha modificación do LESPRE", pero advirte de que "desde a perspectiva material do control da interdición da arbitrariedade dos poderes públicos non se pode obviar que, efectivamente, se prescindiu deses trámites administrativos regrados e informes técnicos preceptivos previstos na regulación do procedemento administrativo de modificación do LESPRE, utilizándose o rango normativo legal para conseguir a súa evitación". O TSXG explica que, neste caso, se utilizaría unha norma de rango legal para evitar os trámites, informes técnicos e avaliacións científicas esixidos para modificar o LESPRE.
O TSXG cre que, neste caso, se utilizou unha emenda a unha lei sobre outra cuestión para evitar os trámites e informes técnicos que requiriría rebaixar a protección do lobo
Os maxistrados recalcan que "se produce unha evitación singular do procedemento administrativo para a exclusión dunha poboación de fauna silvestre do LESPRE, sen unha específica referencia motivada á razón da devandita exclusión". Estas circunstancias, segundo salientan, "impiden a priori valorar cales son as concretas razóns que avalarían que se prescindise do trámite legal e regulamentariamente disposto para abordar ese tipo de modificacións do LESPRE, que incorpora trámites administrativos e informes técnicos específicos para garantir que a súa modificación estea avalada pola mellor información científica dispoñible".
"En suma, coa modificación do LESPRE cuestionada, o lexislador asumiu mediante unha lei funciones que correspondían -e de feito seguen correspondendo- á Administración Xeral do Estado", sinala o tribunal, á vez que engade que "existen dúbidas da lexitimidade constitucional desa decisión", pois entende que debería "basearse en criterios científicos e técnicos verificables cun procedemento administrativo regrado e imposto no marco das esixencias do dereito ambiental da Unión Europea".
Sobre o seu posible impacto sobre a tutela xudicial efectiva, o TSXG advirte de que "non só se obvia a competencia e procedemento administrativos establecidos pola normativa con carácter xeral como canle para as modificacións do LESPRE, senón que iso repercute nas posibilidades de impugnación de asociacións de defensa do medio ambiente que queiran cuestionar esa rebaixa no nivel de protección da especie". Ademais, fai referencia na resolución a unha posible vulneración do principio de non regresión ambiental, pois indica que a rebaixa do nivel de protección do lobo podería supoñer unha regresión na protección ambiental sen unha motivación suficiente nin unha ponderación acreditada dos datos científicos dispoñibles.
O TSXG xa paralizara cautelarmente a posibilidade de cazar lobos aberta pola Xunta tras a modificación legal impulsada polo PP
A cuestión de inconstitucionalidade agora formulada polo TSXG prodúcese no marco dun procedemento contencioso-administrativo iniciado pola Federación de Ecologistas en Acción de Galicia e a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica contra a Consellería de Medio Ambiente por permitir novamente a caza do lobo unha vez rebaixada a súa protección. O fondo dese proceso, no que o TSXG xa paralizara cautelarmente a posibilidade de cazar lobos, queda agora en suspenso ata que o Tribunal Constitucional se pronuncie sobre a admisión da cuestión de inconstitucionalidade.