O TSXG rexeita o recurso da Xunta e declara nulo o despedimento do profesorado Celga

Manifestación do profesorado do Celga Dominio Público @galizacig

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén declara nulo os despedimentos dos profesores dos cursos Celga. Cando menos, así o fai no caso dun docente, ao darlle razón á CIG-Ensino e declarar nulo o seu despido, rexeitando o recurso que presentara a Xunta, como xa fixeran antes diferentes xulgados do social, e impoñéndolle á Administración 600 euros de costas.

A CIG xa gañou 28 demandas nos xulgados do social e gaña agora tamén ao rexeitar o TSXG o recurso da Xunta

O sindicato nacionalista ten presentado xunto ao profesorado Celga 52 demandas por despedimento e xa leva gañadas 28, 22 sentenzas por despido nulo e seis por improcedentes. O resto quedan aínda pendente, pero esta última é a primeira que chega desde o TSXG tras os recursos impostos polo Executivo galego ante ese alo tribunal, o que -segundo a CIG- "reafirma o despedimento nulo do profesorado" que impartá estes cursos de galego. 

“A sentenza do TSXG, confirma, máis unha vez a actuación totalmente inaceptable, represiva e ilegal da Consellaría de Educación cun colectivo que estivo explotado e que lle negou os seus dereitos laborais máis básicos”, sinala Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, que exixe ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que o seu departamento cese na súa actitude "vingativa e persecutoria" contra este profesorado, "asuma as resolucións xudiciais e en consecuencia, readmita a este colectivo unha vez que tanto as inspeccións de traballo, os xulgados do social e agora o TSXG, confirman a actuación ilegal da Xunta". "Do contrario no só continuaría coa política represiva do anterior conselleiro senón que estaría facendo un uso indebido dos recursos públicos ao ter que afrontar agora as costas", advirte. 

O sindicato pide á Xunta que readmita profesorado logo de que Inspección, xulgados do social e TSXG "confirmasen a súa actuación ilegal"

Foi no curso 2006-07 cando se puxo en marcha a Certificación de Lingua Galega (Celga) a través de cursos ofertados a todo aquel que quixese acreditar o seu coñecemento do idioma cun título que é requisito ou valoración indispensable en numerosos ámbitos. Para levalos a cabo, a Administración contou con docentes desempregados, que impartían as aulas durante dous ou tres meses ao ano.

A CIG alertou durante tempo que este colectivo -que incluía máis de 400 titulados- impartía as clases sen contrato de traballo ningún e sen estar dado de alta na Seguridade Social. A denuncia que a central nacionalista interpuxo ante a Inspección de Traballo resolveuse recoñecendo a relación laboral entre a Consellería e este profesorado e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos nos que se impartiran aulas nos catro anos anteriores, ademais de impor unha multa de máis de 200.000 euros á Administración por actuación fraudulenta.

A denuncia ante Inspección xa se resolvera recoñecendo a relación laboral coa Xunta e impoñendo unha multa á Consellería

Pero ante esta situación e tras a resolución, a Consellería optou por non ofrecer os cursos do Celga ao profesorado en paro, senón que apostou por que sexan docentes en activo de secundaria os que impartan estas aulas como horas extraordinarias, algo que a CIG rexeitou frontalmente. De feito, a propia central pediu a solidariedade co colectivo dos cursos preparatorios do certificado de lingua galega e o rexeitamento desas horas lectivas como extraordinarias.

Hai menos dun ano, confirmábase que a Xunta tiña que recorrer a asesores, auxiliares ou docentes de Primaria ante as dificultades para atopar docentes de Secundaria que dese os cursos. E que mesmo Educación tivera que anular algún ante a negativa maioritaria dos profesores en protesta polo despedimento masivo de compañeiros.

Protesta do profesorado do CELGA © linguaprecaria.wordpress.com
Exame do CELGA © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.