O veto do PP impide tramitar a lei para garantir que o galego poida ser usado no eido económico

Marcos Maceira, presidente d'A Mesa, intervindo ante o pleno do Parlamento Dominio Público A Mesa

En xullo de 2015 o monumento a Rosalía de Castro na Alameda compostelá acolleu unha inédita imaxe. Representantes de todas as forzas políticas galegas, tamén o PP, subscribiron unha declaración promovida dende A Mesa pola Normalización Lingüística a prol do uso do idioma e, máis concretamente, do despregamento do Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado por unanimidade en 2004 e de aplicación aínda pendente. Aquela fotografía non foi do agrado do sectores máis á dereita no interior e na contorna do PP e mesmo lle foi reprochada aos populares dende medios de comunicación que adoitan apoialos. Este martes o partido que sustenta o Goberno enfrontábase a outro dilema similar, de novo coa protección do galego no centro do debate, e optou polo camiño contrario: o do veto.

Foron os propios conservadores os que decidiron -contra o criterio de parte da oposición- sumar á amplísima orde do día do derradeiro pleno do Parlamento deste 2017 o debate da iniciativa lexislativa popular (ILP) que, tamén promovida pol'A Mesa, pretendía elevar ao rango de lei a protección dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes no ámbito socioeconómico. A alcumada como ILP "do sentido común" chegou á Cámara case triplicando as sinaturas necesarias para a súa tramitación -unhas 28.000, fronte ás 10.000 que esixe a lei-, pero o PPdeG optou por freala no debate de toma en consideración. Isto é, por impedir que comezase un trámite parlamentario no que, a partir da súa propia maioría absoluta, poderían emendala en todos os aspectos que considerasen oportuna.

Maceira: "A proposta é sinxela: que o pobo galego sexa igual a calquera outro, que se garanta que podermos ser libres de expresarnos no noso idioma"

No nome da comisión promotora da ILP o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira, explicou dende a tribuna parlamentaria que a proposta non implicaba máis que garantir na vida diaria o que xa estipula o Plan Xeral de Normalización. Ou, o que é o mesmo, rematar cunha realidade na que "en Galiza é practicamente imposíbel facer en galego actos tan simples como abrir unha conta bancaria, asinar trámites de alta ou baixa na Seguridade Social" ou consultar documentación comercial. "A proposta é sinxela: que o pobo galego sexa igual a calquera outro", que no ámbito socioeconómico o galego estea garantido para todas as persoas que o desexen, xa que "só se se garante, poderemos ser libres de expresarnos no noso idioma" e quen non queira facelo, optar por outro.

A ILP recibiu o apoio de En Marea, PSdeG e BNG

Como xa avanzaran, a iniciativa tivo o apoio de todos os grupos da oposición. Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, os preceptos promovidos pol'A Mesa son "totalmente coherentes co réxime xurídico-lingüístico" de Galicia e viñan "desenvolver a oficialidade" do idioma que fixa o Estatuto de Autonomía. Igual que "non é obrigatorio saír de noite á rúa, pero para quen decida saír de noite deben existir farois", exemplificou, o galego debe ser unha opción garantida para que todas as persoas que queiran usalo, poidan facelo.

Os conservadores non ven "necesaria" a lei porque podería crear "un efecto contrario ao desexado" e por iso impediron que chegase a tramitarse

O voto a prol foi garantido tamén polo PSdeG, que a través da deputada Concepción Burgo subliñou que "dende 2009, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega deixou de ser aplicado" e con el, "o recoñecemento dos dereitos lingüísticos" que o documento fixara. Se a lei d'A Mesa saíse adiante, agregou dende o BNG Olalla Rodil, en Galicia daríase un paso máis para que o galego deixase, en moitos ámbitos, de ser "unha exótica experiencia", sendo excluído en ámbitos nos que "sería ilegal" que non estivese presente a lingua castelá.

Pero para o PP, ningún destes argumentos foron dabondo. "Entendemos que non é necesario, a día de hoxe, dar trámite a unha iniciativa destas características", sinalou o seu voceiro de Cultura, César Fernández. Os de Feijóó, mantén, "comparten" o "interese do resto de grupos" por promover a lingua propia de Galicia nestes ámbitos, pero "débese apoiar a través dun enfoque de estímulo" e "liberdade". Se esta lei chegase a aprobarse, mantivo, podería chegar a xerar "obrigas" que "supuñan custo para as empresas" e supoñer "un efecto contrario ao desexado". Á hora da votación, a maioría absoluta conservadora freou de vez a iniciativa. "Todos vostedes xuraron ou prometeron acatar o Estatuto, que di que o galego é a lingua propia de Galicia", lembrou Maceira tras coñecer a negativa.

Membros da comisión promotora da ILP, con representantes de En Marea, PSdeG e BNG, que apoiaron a iniciativa Dominio Público A Mesa
CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.