O xefe de seguridade de Adif que se negou a declarar en Angrois, imputado en Arévalo polo seu posto

Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, nun cartel de protesta das vítimas de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Na noite do 26 de marzo de 2010 un maquinista morreu en Arévalo (Ávila) cando o seu tren chocou por detrás contra outro que estaba parado. Na zona estaban realizándose probas de sinalización e un fallo fixo que se puxese en verde un semáforo que debía estar en vermello. A Audiencia Provincial de Segovia (malia que Arévalo está en Ávila, o caso instrúeo un xulgado da veciña Santa María la Real de Nieva, en Segovia) vén de ratificar, a piques de que se abra xuízo oral, a imputación por aqueles feitos de varios técnicos de distintos niveis, entre eles o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por ser o “máximo responsable da seguridade viaria”. Cortabitarte foi quen, no mesmo cargo, autorizou a Renfe a desconectar o sistema de control constante da velocidade a bordo dos trens Alvia un ano antes de que un deles descarrilase en Angrois, pero nesta causa Cortabitarte foi desimputado malia que nunca prestou declaración, nin cando estivo imputado -negouse a facelo- nin como testemuña. As vítimas de Santiago sinálano como unha persoa clave para aclarar o sinistro E Adif sempre defendeu o seu traballo.

A Audiencia de Segovia ratifica a acusación contra Andrés Cortabitarte polo simple feito de ser o “máximo responsable da seguridade viaria” cando en marzo de 2010 morreu un maquinista nun choque de trens

O pasado venres 30 de setembro a Audiencia Provincial de Segovia emitiu un auto no que ratifica a imputación de varios técnicos de dúas empresas privadas e de Adif, entre eles o seu ex-director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte. Segundo o relato dos feitos da Audiencia, o accidente “tivo a súa orixe no fallo das instalacións de seguridade” da estación de Arévalo “ocorrido no transcurso dunhas probas que se estaban levando a cabo a consecuencia dun cambio no sistema informático. Iso deu lugar a que o semáforo de avanzada da estación quedase en cor verde, en vez da cor vermella que debía manter durante as probas, e que por iso o tren de mercancía que conducía o falecido proseguira a súa marcha colidindo con outro mercadorías detido no seguinte semáforo, que si estaba en vermello, falecendo o condutor”. A Audiencia entende “que existiu no accidente unha conduta gravemente imprudente, como foi a de permitir que nunha situación en que se estaba probando o software de control do tráfico, se permitise a circulación de trens” sen adoptar outras medidas de seguridade “pese a que se coñecían as recomendacións que indicaban a procedencia de suspender o tráfico durante as obras”.

Segundo a Audiencia de Segovia, “a imprudencia esencial foi a de autorizar o tráfico polo lugar durante as probas de sinalización”, polo que mantén a imputación de Cortabitarte alegando que “se trata do director de seguridade de circulación, e polo tanto o máximo responsable da seguridade viaria, polo que a decisión última sobre a suspensión do tráfico durante a execución das obras era da súa competencia”. A Audiencia salienta que “en calquera caso, como máximo encargado da seguridade da circulación, debe manterse a súa imputación, sen prexuízo da valoración que poida facerse no acto do hipotético xuízo” sobre a confianza que Cortabitarte depositara en que a empresa que facía os traballos comprobase antes que os semáforos estaban en vermello.

Cortabitarte foi quen autorizou desconectar o control de velocidade na liña Ourense-Santiago, pero neste caso foi desimputado sen sequera interrogalo

No caso do accidente de Santiago, Cortabitarte autorizou en persoa un ano e un mes antes do sinistro que Renfe desconectase a bordo dos Alvia o sistema ERTMS de control constante da velocidade propio do AVE porque ás veces fallaba e detiña o tren sen motivo algún, provocando demoras e perdas económicas á operadora. O ERTMS tardou dous anos en ser reparado e a súa desconexión deixou aos maquinistas como únicos responsables de vixiar en todo momento a velocidade do tren. O día do accidente, o condutor do Alvia, Francisco José Garzón, único imputado actualmente, recibiu unha chamada do interventor do tren que o despistou e non freou a tempo de 200 a 80 quilómetros por hora, como requiría a curva de Angrois.

O primeiro xuíz instrutor do accidente imputou por dúas veces a Cortabitarte ademais de a outros técnicos e membros do consello de administración de Adif. A Audiencia Provincial da Coruña desimputounos a todos nas dúas ocasións ao considerar que non había indicios de que ninguén incumprise ningunha norma máis alá do maquinista. Pero na última desimputación, hai dous anos, a propia Audiencia da Coruña indicou que, de haber “indicios de criminalidade”, estes “serían apreciables exclusivamente no presidente do consello de administración” se se demostrase que era coñecedor do risco de Angrois “e no Director de Seguridade, como máximo cargo de responsabilidade directamente competente no relativo á protección do tren e quen certificou a adecuación técnica do proxecto”.

Tres anos despois do accidente, Cortabitarte, que xa non ocupa ese posto pero segue en Adif, nunca prestou declaración sobre Angrois, nin sequera como testemuña. No tempo que estivo imputado foi citado polo primeiro instrutor pero exerceu o seu dereito a non declarar. Agora investígase, como ordenou a Audiencia da Coruña cando en maio reabriu o caso, se Adif analizou como debía o risco que existía na curva de Angrois antes de autorizar que os trens circulasen por ela como o facían.

Autorización para desconectar o ERTMS nos Alvia asinada por Cortabitarte Dominio Público Sumario da causa de Angrois
Auto da Audiencia de Segovia do 30 de setembro que imputa a Cortabitarte polo cargo que ocupaba CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.