Os casos de corrupción nos tribunais galegos aumentaron un 50% en dous anos

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Hai máis, percíbese máis, investigáse máis ou, simplemente, tolérase menos? Son algunhas das preguntas que, nas últimas semanas, están a xurdir na sociedade e nalgúns medios de comunicación ao fío do aluvión de casos de corrupción. A Operación Zeta, con centro en Galicia, ou a Púnica, xurdida en Madrid, son os últimos exemplos dunha vaga que tamén inclúe a Pokémon, a Campeón ou a Gürtel ou outros moitos exemplos. Pero, é só unha cuestión de percepción? Con independencia de que a crise económica ou os movementos sociais poñan agora máis o foco neste asuntos, o certo é que, só en territorio galego, os casos de corrupción abordados polos tribunais de xustiza aumentaron practicamente un 50% en apenas dous anos.

O dato máis recente é o da memoria da Fiscalía Superior de Galicia do ano 2013. O organismo que dirixe Carlos Varela recolle nese documento que durante o pasado exercicio foron incoados -iniciouse a tramitación- un total de 184 delitos relacionados coa corrupción. Dous anos antes, en 2011, foran 124 e o ano 2012 pechárase coa incoación de 152 destes presuntos delitos. Case o 60% destes procedementos do 2013 estaban relacionados coa prevaricación administrativa. Os seguintes tipos máis comúns son o branqueo de capitais, con case o 13% do total, seguido polo tráfico de influencias (12,50%), o suborno, con case o 8%, e a malversación, co 7%.

Outra fonte para obter unha radiografía dos casos de corrupción é o informe que, tamén no ano 2013, emitiu o Servizo de Inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial co obxectivo de coñecer as "necesidades" dos xulgados ante "causas de especial complexidade e gran repercusión na opinión pública". A mediados do pasado ano o CGPJ considerou que un total de 2.173 procedementos xudiciais podían ser considerados "de especial complexidade" en todo o Estado e, deles, 1.661 pódense incluír, en sentido amplo, na corrupción: branqueo, delitos ambientais, falsidade documental, prevaricación, tráfico de influencias, malversacións ou negociacións prohibidas, entre outras. Neste rexistro Galicia non é a que sae peor parada, pero si ocupa un dos postos de cabeza.

Segundo ese informe a autonomía cuxos tribunais abordan máis casos de corrupción é Andalucía, con 541 deses 1.661. A continuación sitúase a que nos últimos anos foi considerada como un dos focos de corrupción no Estado, a Comunitat Valenciana. Xusto despois están Madrid, Canarias e Catalunya e, a continuación, figura xa Galicia, con 95 casos. Os casos que lle outorgan ao país este sexto posto contrastan cos das autonomías nas que se están a abordar menos procesos deste tipo: La Rioja, con 4, Euskadi, con 7, Navarra, con 10, e Aragón, con 12.

Fiscalía e Contas reclaman máis medios

Neste contexto organizacións políticas e sociais, pero tamén organismos públicos como a propia Fiscalía Superior de Galicia, veñen reclamando máis medios e novos recursos para abordar e perseguir estas prácticas corruptas. Así, por exemplo, o propio Carlos Varela aproveitou a súa presenza na descafeinada comisión parlamentaria sobre corrupción para propoñer a creación dun órgano independente que "preveña" estes casos, tal e como veñen reclamando expertos na materia "dende os anos 90".

Trataríase, segundo o fiscal superior, de que en Galicia funcionase un ente semellante ao Conselho de Prevenção da Corrupção, en funcionamento dende o ano 2008 e dependente do Tribunal de Contas portugueś. "Interpretouse que o Tribunal de Coñece moi ben os comportamentos de risco nas administracións" e por iso se apostou por abordar a corrupción dende este ámbito. No caso galego, subliñaba daquela, o Consello de Contas é "tamén un bo coñecedor" deses "comportamentos de risco", polo que podería albergar unha "entidade administrativa autónoma" que atallase estes comportamentos dende un punto de vista técnico, pero tamén ético.

O Consello de Contas amósase disposto a asumir o control da corrupción, pero reclama máis recursos e persoal

Nesta liña, e despois de que no último debate de política xeral o presidente da Xunta apostase por que Contas teña "facultades de prevención da corrupción política" e de que, a proposta do BNG, se aprobase que esta entidade controlase as remuneracións dos cargos públicos, o conselleiro maior en funcións, Xesús Palmou, reclamou este luns máis recursos para a institución. No marco da presentación do orzamento do Consello para 2015 Palmou considerou que o Consello está capacitado para "asumir esas competencias", pero precisa de máis fondos e persoal especializado. Mentres, a Xunta redúcelle o orzamento para o ano que vén.

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.