Os Franco negan "coacción" para adquirir o Pazo de Meirás na vista previa dun xuízo que se celebrará en xullo

Vista previa do xuízo para a devolución do Pazo de Meirás, na Coruña © Concello da Coruña

O xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público celebrarase a principios do mes de xullo e durará arredor dunha semana. Comezará o día 6 dese mes logo de que, como era de agardar, a vista previa entre o Estado e a familia Franco rematase este venres sen acordo. 

O xuízo comezará o vindeiro 6 de xullo logo de que a vista previa entre o Estado e a familia Franco rematase sen acordo

A Avogacía do Estado mantivo, como na demanda, que a compravenda das Torres en 1941 foi simulada, fraudulenta e ilegal. Baseouse de novo na tese xa desenvolvida en anteriores investigacións e no informe histórico-xurídico encargado pola Deputación da Coruña. Advertiu, xa que logo, que a transmisión do Pazo á familia Franco fixérase a través dun contrato simulado nese ano 1941 para evitar que pasase a ser parte do patrimonio estatal e cando xa levaba tres anos sendo utilizado polo ditador, a quen lle fora doado. Xa que logo, o inmoble tería sido vendido dúas veces e a última delas a través dun acordo “fraudulento”, cando xa era residencia do Xefe do Estado tras un acordo anterior. 

Fachada do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Na vista previa, celebrada no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, o avogado do Estado, Javier Suárez, advertiu tamén do "proceso coactivo" na adquisición do Pazo por parte da familia, ao terse realizado a través de doazóns con coaccións. Foi en plena represión fascista e con patrullas falanxistas polas casas, tal e como desvelan numerosos documentos. "Foi un proceso coactivo cunha involucración moi importante das administracións públicas", dixo o letrado. 

Os Franco consideran "irrelevante" se houbo coacción á hora de facerse co inmoble

Pero o avogado dos Franco rexeitou este argumento, asegurando que o feito de que as achegas fosen "máis ou menos voluntarias non garda ningunha relación", ademais de considerar "irrelevante o dato ao obxecto do presente litixio". Máis adiante, negou coacción ningunha. "Negamos que fose coactivo", insistiu. 

No procedemento xudicial comparecen tamén a Xunta e os concellos da Coruña e de Sada e nesta vista previta non houbo ningunha posibildade de acordo, tal e como advertían antes. O Estado insiste nunha compravenda "simulada" e os Franco entenden que todo foi perfectamente legal.  

A xuíza admitiu as alegacións do avogado do Estado coas que trata de demostrar que a adquisición tiña un fin público, o que reforzaría a necesidade de que volvese a mans da Administración. No entanto, a maxistrada non aceptou as que pretendeu incorporar o letrado da familia do ditador. 

No xuízo, do vindeiro mes de xullo, comparecerán sete testemuñas, entre eles o historiador Emilio Grandío, a proposta da Xunta, e Ramón Rodríguez Ares, ex-alcalde de Sada, recoñecido franquista e proposto polos letrados dos herdeiros do xeneral fascista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.