Paga máis quen máis ten? Cando?

O conselleiro de Educación, de visita nun colexio © Xunta

"Que pague máis quen máis ten". Este principio, tradicionalmente defendido dende posicións políticas orientadas á esquerda, vén resumir a aposta por que contribúa en maior medida ao sostemento dos servizos públicos quen dispoña dunha renda máis elevada. É o argumento de quen defende unha maior progresividade nos impostos pero, dende hai anos, é tamén empregado dende as posicións que introducen taxas ou prezos públicos en prestacións que antes eran de balde á hora de seren empregados. A pregunta, polo tanto, é 'cando' debe pagar máis quen maís ten?

Dende o retorno do PP á Xunta en Galicia producíronse dous exemplos paradigmáticos neste ámbito. O primeiro, coa fin do programa de préstamo de libros de texto. A comezos de xuño de 2009, apenas dous meses despois de gañar as eleccións, Alberto Núñez Feijóo aseguraba que "todas as rendas medias e baixas van manter a gratuidade dos libros de texto", se ben o pŕestamo de balde resultaba "perverso" por, entre outros aspectos, "impedirlles aos nenos ter libros de seu e interactuar con eles". A finais do mesmo mes o presidente da afinara máis o argumento: "como a Xunta non pode pagarlles os libros a todos, o razoable é que llelos pague a quen máis o necesitan".

As axudas para libros de texto non chegan, segundo a propia Xunta, ao 35% do alumnado

En setembro do mesmo ano o Goberno galego xa tiña no forno o cambio de sistema: fin do préstamo e implantación dun modelo de axudas parciais. Ante as protestas de sindicatos e oposición, Feijóo saíu en tromba: "Non lles imos pagar os libros aos deputados e deputadas" nin a quen ten "uns salarios privilexiados". Desta filosofía saíu o programa denominado Gratuidade solidaria, que segundo cálculos da propia Xunta incluídos nos Orzamentos Xerais de 2013 deixa o 35% do alumnado sen axuda ningunha. Ademais, atendendo ao denunciado polas ANPAS e as centrais sindicais educativas, en raras ocasións a axuda cobre o custo total dos manuais escolares.

Rexeitamento á reforma do IRPF, suba de comedores

Un argumentario moi semellante foi o que lle serviu a Feijóo para xustificar a suba de arredor do 40% nos comedores escolares, nun cambio normativo que implica ademais que, por primeira vez, o alumnado que utiliza o transporte escolar teña que pagar por xantar na escola. En marzo deste mesmo ano o presidente presentaba o incremento de prezos como unha vía para a "equidade". "Non lle cobramos a quen o necesita e si lle cobramos a quen pode", toda vez que "cos cartos dos parados non imos pagar o comedor da xente que ten traballo e pode pagalo". Mentres, no Parlamento, rexeitaba as iniciativas da oposición que o instaban a subirlles o IRPF ás persoas que ingresen máis de 100.000 euros anuais, dende San Caetano sinalaba que "hai modelos que consisten en que paguen o mesmo os que teñen e os que non teñen", pero esta Xunta aposta "pola xustiza social".

Feijóo defende que o seu modelo garante a "equidade" e a "xustiza social", porque "cos cartos dos parados non pagamos o comedor de quen pode pagalo"

Este mesmo mércores, día do inicio do curso escolar en Galicia, Feijóo botou man da mesma teoría en sede parlamentaria. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, reprocháballe que, pasando por riba da vixente lei educativa, a Xunta se dispoña a "cobrarlles os comedores aos nenos e nenas que van en transporte escolar", 20.000 dos cales nin sequera teñen a "posibilidade" de ir comer á casa, xa que viven en zonas rurais, "montan en autobuses ás 7 da mañá e, cando están no centro, non volven á casa para xantar porque nin os levan". "A vostede simplemente lle interesa que os que vaian en transporte non paguen? E que aqueles fillos de parados sen prestación, paguen porque non teñen transporte escolar?", retrucou Feijóo.

Segundo o xefe do Executivo defender a gratuidade destes servizos no momento do seu uso non se pode soster "dende o punto de vista da equidade". "Vostede quere que se lle paguen os libros escolares a todos e nós, a quen non os pode comprar". "Hai dous modelos de educación, o seu e o noso", evidencia, antes de asegurar que "o seu é o do fracaso escolar e o de tratar" o alumnado "con independencia da renda" da familia. "Volva aos principios socialdemócratas do PSOE", eses que, atendendo ao líder da dereita en Galicia, din que "os que teñen renda nos axudan e os que non a teñen, hai que financiar o transporte, a educación, as bolsas e as taxas". En definitiva, para Feijóo, "hoxe temos unha educación máis pública que antes".

Feijóo, durante a sesión de control deste mércores CC-BY-SA Praza Pública
Campaña promocional de Educación © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.