Paralizado o estudo para unha liña de tren Lugo-Santiago polo recurso dunha consultora excluída

O estudo cuxo concurso vén de ser paralizado abre a porta a analizar un corredor ferroviario "directo" entre Lugo e Santiago alternativo á conexión por Curtis que se avaliará inicialmente CC-BY-SA Praza Pública - Ministerio de Transportes

A finais de agosto o Ministerio de Transportes sacou a concurso un estudo de viabilidade para a posible construción dunha liña de tren entre Lugo e Santiago. O seu prazo de execución son 18 meses, pero o comezo dos traballos vaise demorar porque unha das empresas candidatas foi excluída por un defecto formal na súa oferta e presentou un recurso que vén de paralizar o proceso de contratación. 

Actual vía de Lugo á Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública

Ao concurso público convocado en agosto para analizar a viabilidade dunha conexión ferroviaria entre as dúas cidades presentáronse cinco ofertas pero unha foi excluída e agora vén de paralizar a adxudicación 

O estudo de viabilidade para un tren entre Lugo e Santiago é un dos compromisos acadados co BNG para a investidura de Pedro Sánchez. Con 420.000 euros de orzamento e 18 meses de prazo de execución, nunha primeira fase vai analizar a mobilidade da cidade de Lugo e a súa demanda de transporte e nunha segunda fase avaliará unha posible conexión das liñas xa existentes Lugo-A Coruña e A Coruña-Santiago "na contorna do municipio de Curtis", de onde podería partir unha liña ata conectar co Eixo Atlántico na contorna de ordes. 

Pero o contrato tamén contempla a posibilidade dunha terceira fase "opcional", máis alá dos 18 meses previstos inicialmente, para estudar un "corredor alternativo de novo trazado, que uniría directamente as cidades de Lugo e Santiago".

Con esta paralización e os seguintes pasos pendentes os resultados das dúas primeiras fases do estudo non estarán ata cando menos finais de 2026

Convocado o concurso a finais de agosto, o 2 de outubro a mesa de contratación abriu as ofertas presentadas, de cinco agrupacións de empresas: Ingeropt3 SLU-Estudios y Servicios de Movilidad y Gestión de Ifraestructuras SL, Proes Consultores SA-Deloitte Strategy, Risk & Transactions SLU, UTE Antea-Teirlog, UTE Tema-Fulcrum Lugo y Santiago de Compostela e UTE Argon Consultores-Sanvi Consulting. E analizada a documentación desta última, a mesa decidiu excluíla por defectos formais na súa oferta técnica e desvelar nela datos da oferta económica, que deben ser avaliados nunha seguinte fase independente.

Resolución do Tribunal de Recursos Contractuais que paraliza cautelarmente o concurso para estudar a exclusión dunha das ofertas presentadas CC-BY-SA Praza Pública

A empresa formulou un recurso contra a súa exclusión do concurso ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais e este, nunha resolución asinada o 16 de outubro, decidiu a paralización cautelar do procedemento de contratación. "Os prexuízos que poderían derivarse da continuación polos seus trámites do procedemento de contratación son de difícil ou imposible reparación, polo que procede suspender cautelarmente este ata o momento que se dite a resolución do recurso", sinala o tribunal.

O concurso contempla a posibilidade dunha terceira fase "opcional" do estudo que avalía unha conexión "directa" entre Lugo e Santiago sen pasar por Curtis

Á espera de que se resolva o recurso e poida continuar o procedemento de contratación, os seguintes prazos, que inclúen a avaliación das ofertas e a adxudicación do contrato, fan que os traballos non poidan comezar ata o vindeiro ano e os resultados das dúas primeiras fases do estudo non vaian estar rematados ata cando menos finais de 2026. Sería a partir dese momento cando se podería facer a terceira e "opcional" fase de estudar unha liña "directa" entre Lugo e Santiago sen pasar por Curtis.

Vía férrea de Lugo á Coruña ao seu paso por Parga (Guitiriz) CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.