É só unha posibilidade "opcional" que non se comezaría a avaliar ata cando menos dentro de dous anos, pero o estudo de viabilidade dun tren Lugo-Santiago conectando nalgún punto entre Curtis e Ordes as liñas xa existentes contempla tamén unha hipotética seguinte fase na que se analizaría "un corredor alternativo de novo trazado, que uniría directamente as cidades de Lugo e Santiago". Así se recolle nos pregos da licitación feita oficial este mércores no Boletín Oficial del Estado.
O estudo de viabilidade para conectar entre Curtis e Ordes as liñas xa existentes non estará ata mediados de 2026 e contempla como "opcional" unha seguinte fase para avaliar "un corredor alternativo de novo trazado" que una as dúas cidades "directamente"
O estudo de viabilidade sacado agora a concurso polo Ministerio de Transportes e comprometido co BNG para a investidura de Pedro Sánchez contempla dúas fases de traballos por un total de 420.000 euros e un prazo de execución de 18 meses. Pero avanza a posibilidade de incluír no mesmo contrato unha terceira fase posterior.
A primeira fase do contrato consiste nun estudo de mobilidade da cidade de Lugo e da demanda de transporte que ten. A segunda fase será a que avalíe unha posible conexión das liñas xa existentes Lugo-A Coruña e A Coruña-Santiago "na contorna do municipio de Curtis". Pero os pregos de condicións inclúen unha terceira fase "opcional" e posterior ás dúas anteriores para a "caracterización e análise de corredor alternativo" que "requiriría modificación contractual para a súa aplicación". Isto é, esa terceira fase non se vai contratar inicialmente, pero podería engadirse ao mesmo contrato cando rematen as dúas fases previas.
O que din os pregos de licitación desa terceira fase é que "se prevé a posibilidade de incorporar ao estudo un corredor alternativo de novo trazado, que uniría directamente as cidades de Lugo e Santiago". E que, no caso de facerse ese estudo, os seus resultados deberán ser incorporados ao estudo de viabilidade global comparándoo coa conexión das liñas xa existentes que se propoña na fase anterior.
No caso de que se decida facer esa terceira fase do estudo de viabilidade, esta aínda tardaría máis de dous anos en comezar. No concurso agora aberto as empresas de enxeñaría interesadas teñen de prazo ata o 30 de setembro para presentar as súas ofertas, e despois hai que avalialas e adxudicar o contrato, co que os seus traballos das dúas primeiras fases non estarían rematados ata cando menos mediados de 2026.
Para a conexión Curtis-Ordes o ministerio prevé características similares ao Eixo Atlántico, aínda que coa posibilidade de velocidades inferiores "sempre que se garanta a competitividade con outros medios de transporte"
Os pregos de condicións agora feitos públicos tamén avanzan algunhas das características e dificultades que se deberán ter en conta para deseñar a fase 2, a dunha conexión entre Curtis e Ordes. O ministerio establece que "os parámetros de trazado do novo corredor deseñaranse para unha velocidade homoxénea co Eixo Atlántico, podendo explorarse velocidades menores sempre que se garanta a competitividade con outros medios de transporte e se minimice a relación custo/beneficio desde un punto de vista socioeconómico".
Os pregos tamén esixen mellorar a obsoleta liña Lugo-A Coruña ata o punto de enlace coa nova conexión, e establecen que a conexión co Eixo Atlántico non supoña para este "reducións de velocidade"
Tamén se pon o foco en que o enlace co Eixo Atlántico deberá realizarse buscando o punto "máis adecuado para dispoñer as conexións e os aparatos de vía necesarios para evitar reducións de velocidade na liña existente". E no que respecta á liña actual Lugo-A Coruña, o estudo deberá prever a súa "homoxeneización" entre Lugo e o punto da nova conexión coas "características e os parámetros" que se definan para esta última. O propio documento do ministerio admite as eivas que presenta esa liña actualmente, "cuns parámetros de trazado que impiden superar os 150 km/h entre Lugo e Curtis, e os 100 km/ entre Curtis e A Coruña".