Pérez Varela, arquitecto político da Galicia mediática fraguista e do Gaiás

Jesús Pérez Varela, nun acto como conselleiro no Consello da Cultura Galega xunto á daquela tamén conselleira Manuela López Besteiro © Consello da Cultura Galega

Pérez Varela, falecido tras case dúas décadas afastado dos focos públicos, foi o responsable da comunicación e a propaganda na campaña coa que Fraga logrou ser presidente á primeira e despois asumiu o mesmo rol na Xunta como responsable de gabinete, secretario xeral e conselleiro

Jesús Pérez Varela (Redondela, 1949), faleceu este 16 de xaneiro do cancro que padecía. Tras case dúas décadas afastado dos focos públicos, no seu pasamento proliferan os perfís máis ou menos descritivos de quen tivo un bo número de cargos empresariais e políticos. Deixando entrever, nalgúns casos, o alto poder que chegou a manexar quen foi un dos arquitectos políticos da Galicia do fraguismo con accións cuxos efectos, en non poucos casos, chegan á actualidade.

Pérez Varela foi unha das figuras clave na campaña que levou a Manuel Fraga á presidencia da Xunta no primeiro intento, en 1989, como un dos responsables da comunicación e da propaganda. E ese mesmo rol pasou a asumilo no Goberno galego en 1990, primeiro como responsable do gabinete de comunicación do novo presidente e despois, como secretario xeral de comunicación dende 1991 e ata 1996).

Jesús Pérez Varela, tomando posesión como conselleiro de Fraga por primeira vez en 1996, nunha imaxe da retransmisión da TVG © CRTVG

Con Pérez Varela na sala de máquinas da reformulación como patriarca galeguista do antigo ministro de Información e Turismo da ditadura elaboráronse, como publicou en exclusiva o desaparecido Diario 16 de Galicia, informes sobre as afinidades políticas do persoal que traballaba ou colaboraba coa CRTVG. Eran as que acabaron sendo célebres listas negras, prolíficas en sinalamentos como "perigoso" ou "radical" para traballadores considerados de esquerdas ou nacionalistas. Fraga desligara o PP galego e o daquela novo Goberno da súa elaboración.

Con Pérez Varela na sala de máquinas do primeiro fraguismo foron elaboradas as listas negras de persoal da CRTVG, das que o PP se desligou. Como conselleiro, BNG e PSOE afeáronlle afinidades con personaxes implicados en tramas golpistas durante a Transición, que el negou

Os ecos do franquismo e dos anos inmediatamente posteriores perseguiron a Pérez Varela tamén cando, en 1996, foi ascendido por Fraga a conselleiro de Cultura e Comunicación Social. A oposición, na altura liderada polo BNG dun Xosé Manuel Beiras que o alcumou como "pequeno Goebbels", evocou a súa breve etapa a finais de 1979 como director do xornal dereitista El Imparcial, onde antes exercera de columnista, para afearlle afinidades con personaxes implicados en tentativas golpistas como Tejero e Ynestrillas, que el negou, reivindicándose como demócrata.

Tamén Felipe González, durante a campaña das eleccións galegas de 1997 -as primeiras que afrontou como ex-presidente do Goberno de España, con Abel Caballero como candidato á Xunta-, ligou a Pérez Varela con aquelas operacións. O seu nomeamento como conselleiro, asegurara nun mitin na Coruña, era unha das "facturas que pagar" do PP de Fraga e Aznar "coa Operación Galaxia e o 23F". A controversia volvería xurdir no ano 2000, dando lugar a un intercambio epistolar nas páxinas de La Voz de Galicia entre Pérez Varela e Joan Pla, antigo xornalista en El Imparcial e autor dun libro sobre a trama civil do 23F.

Jesús Pérez Varela, o 4 de agosto de 2005, ao deixar de ser conselleiro de Cultura co traspaso do cargo a Ánxela Bugallo, do BNG CC-BY-SA Xunta

Información e turismo

O apelido "Comunicación Social" da Consellería de Pérez Varela implicaba un amplo control sobre as relacións cos medios, reparticións económicas incluídas. Dende esa área modelou, en boa medida, unha estrutura mediática que, coas obvias variacións do paso do tempo, chega aos nosos días.

Pérez Varela exerceu un amplo control nas relacións cos medios, reparticións económicas incluídas, nunha consellería na que os grandes eventos do Xacobeo 'herdado' de Portomeñe foron unha das grandes patas da área cultural. A outra, a construción do Gaiás

Na carteira de conselleiro acumulou as competencias de turismo, o que implicaba manexar a xoia da coroa fraguista na materia, o Xacobeo. A xuízo do seu antecesor, o tamén popular Víctor Vázquez Portomeñe, o seu labor neste ámbito comezou sendo en boa medida de "demolición" do proxecto orixinal, o que el mesmo ideara. 

O Xacobeo baseado en grandes eventos foi unha das patas da súa xestión na área cultural do tardofraguismo. Dende ese eido amosou un perfil afable, mesmo simpático e tamén prolífico en frases e expresións que quedaron para o capítulo de chanzas na cultura popular, dende sinalar Carmina Burana como "unha das boas cantantes deste país" ata a súa xa mítica presentación de bandas e artistas cos que querería contar no Xacobeo 2004.

Pérez Varela, comparecendo na comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura, en outubro de 2007 CC-BY-SA Praza.gal / Sinal institucional Parlamento

A outra gran pata foi a construción da Cidade da Cultura por encomenda de Fraga. Por ese proxecto, precisamente, protagonizou unha das súas últimas intervencións políticas relevantes, a comparecencia na comisión de investigación que, durante o mandato do Goberno de coalición PSdeG-BNG, investigou a controvertida xestión do proxecto apoiándose nun duro informe do Consello de Contas que detectara sobrecustos de ata o 200%, entre outras irregularidades.

Alén de defender a súa xestión na materia, Pérez Varela tamén negara calquera sombra escura na súa decisión de botar a andar, xunto con outros membros da súa familia, unha empresa centrada na publicidade e na comunicación -Chuvieira SL- ao día seguinte de deixar de ser conselleiro. O seu último cargo ligado á política mantívoo dende 2005 e ata 2009, cando deixou de ser membro do consello de administración da CRTVG por proposta do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.