En 2003 o PP obtivo a alcaldía de Vigo ao perder o PSdeG unha moción de confianza, e hai que remontarse case catro décadas para as censuras que se rexistraron en varias cidades
As mocións de censura aceleráronse no presente mandato municipal 2023-27 logo de que o Tribunal Constitucional despenalizase os pactos con edís non adscritos ao eliminar da lei electoral un artigo que impedía unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga. Eses tránsfugas non poden lograr novos cargos e soldos no novo goberno, pero si poden facilitar o cambio.
Porén, malia seren habituais e mesmo reiteradas nalgúns concellos, hai que remontarse décadas para atopar mocións de censura nas sete cidades galegas.
Vigo, 2003
O último cambio de partido á fronte da alcaldía dunha cidade galega en metade dun mandato municipal produciuse a finais de 2003, e non foi por unha moción de censura gañada senón por unha moción de confianza perdida, aínda que a operación política de fondo se asemellase. O socialista Ventura Pérez Mariño fora elixido alcalde tras as municipais de maio daquel ano co apoio do BNG, pero as dúas formacións acabaron rompendo. Ante o bloqueo de diversas iniciativas e a petición do BNG de que o PSdeG propuxese outro alcalde, Pérez Mariño someteuse a unha moción de confianza o 29 de novembro e obtivo o voto en contra de PP e BNG. Iso implicou o seu cesamento e a convocatoria automática dun novo pleno de elección de alcalde ou alcaldesa o 13 de decembro no que á popular Corina Porro, que fora a máis votada nas eleccións de maio, bastoulle o voto favorable dos seus edís.
Porro non conseguiría reter o cargo nas seguintes municipais, en 2007, xa con Abel Caballero como candidato socialista, que volveu retomar o pacto PSdeG-BNG antes das súas posteriores e sucesivas maiorías absolutísimas.
Ferrol, 1989 e 1991
Hai catro décadas houbo mocións de censura en Ourense, Ferrol ou Santiago, e nesta última o mandato 2011-15 rexistrou tres alcaldes distintos
Hai que remontarse a comezos dos anos 90 do pasado século para atopar mocións de censura propiamente ditas nas cidades galegas. En Ferrol houbo dúas moi próximas, en 1989 e 1991.
Na de 1989 o socialista Manuel Couce Pereiro apartou da Alcaldía ao seu curmán Alfonso Couce Doce, de Alianza Popular, co apoio de Esquerda Unida e cun tránsfuga popular.
Nas seguintes municipais de 1991 a esquerda foi maioritaria pero non logrou un pacto no inicio do mandato e foi elixido alcalde o popular Mario Villaamil como candidato máis votado. Só estivo tres meses no cargo porque o socialista Manuel Couce volveu gañar outra moción de censura desta volta xa co apoio de EU e BNG. Catro anos despois a alcaldía volvía ao PP cun pacto con Independentes por Ferrol.
Ourense, 1990
Entre as dúas mocións de censura de Ferrol, no terceiro mandato municipal tras a volta da democracia ás corporacións locais, tamén houbo unha moción de censura en Ourense. O independente José Luis Mondelo, que antes apoiara ao PSdeG, apartou da alcaldía ao socialista Manuel Veiga Pombo co apoio de PP e CDS e co voto en contra doutros compañeiros independentes. Nas seguintes municipais de 1991 o socialista Veiga Pombo recuperou a alcaldía como cabeza da lista máis votada.
Santiago, 1986
O Concello de Santiago viviu entre 2011 e 2015 o seu mandato máis convulso, con tres alcaldes sucesivos: Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e Agustín Hernández, os dous primeiros dimitidos ao coñecerse que eran investigados pola xustiza. Pero os tres rexedores eran do mesmo partido, o PP, con maioría absoluta.
Hai que remontarse a 1986 para atopar unha moción de censura na capital galega, cando o socialista Xerardo Estévez xa levaba tres anos gobernando a cidade. Ernesto Viéitez aproveitou a reunificación da dereita en Alianza Popular para facerse coa alcaldía durante un ano. Pero nas seguintes municipais Estévez volveu ser elixido alcalde e mantería o cargo ata que llo cedeu en 1998 ao seu compañeiro de partido Xosé Sánchez Bugallo.
Remudas significativas noutras cidades
Na Coruña Domingos Merino dimitiu en 1981 logo de fracasar unha moción de censura na súa contra
Nas outras cidades galegas, A Coruña, Lugo e Pontevedra, non houbo mocións de censura, pero si algunhas remudas significativas. Na Coruña Domingos Merino obtivo a alcaldía por Unidade Galega en 1979, e a finais de 1980 logrou superar unha moción de censura que lle presentou UCD. Pero poucos meses despois, a comezos de 1981, acababa dimitindo ante a perda de apoios, nomeadamente do PSdeG de Francisco Vázquez. O cargo asumiuno pola UCD Joaquín López Menéndez, como cabeza do grupo máis votado, pero dous anos despois, nas municipais de 1983, Vázquez facíase coa alcaldía durante máis de dúas décadas.
En Lugo quen foi alcalde entre 1983 e 1991, Vicente Quiroga, chegou á alcaldía por primeira vez como candidato de Coalición Popular. Catro anos máis tarde, e logo de discrepancias con edís populares, repetiría pero á fronte de Coalición Progresista Galega. E neste mandato municipal a alcaldía xa pasou por tres mans, nos tres casos do PSdeG: Lara Méndez ata que deixou o cargo en xaneiro de 2024 para ir ao Parlamento, Paula Alvarellos que a substituíu e morreu en marzo de 2025 e Miguel Fernández que segue no posto á espera de que o PP concrete se haberá un cuarto alcalde ou alcaldesa grazas a unha tránsfuga socialista. E non sería a primeira vez que saen tránsfugas do socialismo lucense. Tanto Vicente Quiroga como o seu sucesor Tomás Notario lograron a alcaldía con apoios de senllos concelleiros que eran do PSdeG.