Podemos racha na Coruña co grupo da Marea Atlántica, que acusa a súa edil de "tránsfuga"

Candidatura da Marea Atlántica nas últimas eleccións locais CC-BY-SA Marea Atlántica

A asemblea local de Podemos na Coruña decidiu por unanimidade que Isabel Faraldo recolla a acta como edil non adscrita e non forme parte do grupo da Marea

Marea Atlántica solicitou este mércores a Isabel Faraldo, militante de Podemos que se presentou nas listas da súa candidatura electoral nas pasadas eleccións municipais, que se integre no seu grupo. Faino logo de que a asemblea local da formación morada na Coruña acordara "por unanimidade" que recollese o acta como concelleira non adscrita e non forme parte do grupo da formación municipalista tras a dimisión do concelleiro Xiao Varela. 

A Marea pide a Faraldo que reconsideren a súa decisión e pase a integrarse no seu grupo porque de non facelo, e segundo a formación, culminaríase "unha nova operación de transfuguismo" no Concello, en clara alusión á saída de Mónica Martínez de Ciudadanos para pasar ao grupo mixto e logo entrar no goberno municipal. 

Isabel Faraldo, xunto a Pancho Casal, ex-voceiro de En Marea CC-BY-SA Podemos A Coruña

A candidatura municipalista lembra que "non se presentou ás eleccións do ano pasado como unha coalición de partidos, senón como unha confluencia de distintas sensibilidades, de adscrición individual". "Polo tanto, o argumento de reclamar 'visibilidade' para unhas siglas que nunca concorreron ás urnas non é xusto coas 25.290 coruñesas e coruñeses que votaron á Marea Atlántica acreditando nunha confluencia", indica nun comunicado. 

A Marea Atlántica acusa a Faraldo de "tránsfuga" de non reconsiderar a súa postura 

A coordinadora da Marea Atlántica reclama, ademais, a Podemos Galicia "que reconduza a situación" e lembra que soubo da noticia "a través dos medios" logo de que a formación morada, segundo denuncia, "rachase de xeito unilateral as conversas sen dar opción ao diálogo". "Estaría a alentar unha nova operación de transfuguismo no Concello da Coruña", insiste. 

A formación que liderou o goberno municipal ata as últimas eleccións di "lamentar a deriva de Podemos en Galicia, que lonxe de facer unha análise autocrítica dos resultados das eleccións autonómicas do 12 de xullo, parece querer insistir na ruptura dos espazos de confluencia, a liquidación do capital político acumulado nos últimos anos e o agravamento do deterioro da confianza da cidadanía nos nosos proxectos políticos". "Non nos votaron para isto", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.