A consellería modificou en maio os seus orzamentos "para financiar o impacto que vai supoñer o incremento de gasto das viaxes institucionais inicialmente non programadas" e desviou outros 50.000 euros para reformas a pagar "sentenzas condenatorias"
A Consellería de Política Social e Igualdade vén de comunicar ao Parlamento que 50.000 euros que inicialmente prevía destinar este ano a "reformas nos centros de servizos sociais para mellorar o benestar" foron empregados en maio para pagar "o incremento de gasto derivado das viaxes institucionais inicialmente non programadas".
O departamento que dirixe Fabiola García, que a finais de abril e comezos de maio realizou unha viaxe institucional de cinco días por Arxentina e Uruguai, rexeita concretar cales foron as viaxes non previstas pagadas con eses cartos.
A Xunta dá conta cada mes ao Parlamento das modificacións que se ve obrigada a realizar nos seus orzamentos por diversos motivos. No documento de maio Política Social consigna que 100.000 euros que inicialmente estaban previstos para "reformas nos centros de servizos sociais para mellorar o benestar" foron recolocados noutras dúas partidas orzamentarias distintas: 50.000 foron para pagar "viaxes institucionais inicialmente non programadas" e outros 50.000 foron "para o pagamento de xuros de mora consecuencia do incremento de sentenzas condenatorias en materia de carreira profesional".
Política Social rexeita concretar que viaxes foron as pagadas e que obras foron as implicadas
Ante estas modificacións, Praza.gal preguntou a Política Social cales foron as viaxes, en plural, e cal é a súa xustificación se inicialmente non estaban programadas. A súa resposta non aclara ningunha das dúas cuestións e limítase a dicir que "o crédito para viaxes corresponde aos gastos de pernoctación, dietas e desprazamentos de toda a Consellería", malia que o documento oficial di expresamente "viaxes institucionais", que son as que corresponden a altos cargos e non ao outros desprazamentos de funcionariado.
Política Social rebaixa a relevancia do agora comunicado oficialmente ao Parlamento sinalando que "os orzamentos son unha estimación de gasto, polo que son habituais as modificacións durante o ano".
Este diario tamén preguntou que reformas en centros de servizos sociais eran as previstas, que se vai facer agora con elas e a que se debe o "incremento de sentenzas condenatorias" reflectido no documento oficial e ás que van destinadas os outros 50.000 euros. A consellería rexeitou igualmente responder de xeito concreto a esas preguntas e só di que "as obras previstas estanse a realizar con total normalidade, porque o orzamento de obras tamén é unha estimación".
Coincidindo no tempo con esta modificación orzamentaria, entre finais de abril e comezos de maio a conselleira de Política Social, Fabiola García, realizou unha "viaxe institucional de cinco días por América Latina", segundo divulgou a propia Xunta, na que visitou Uruguai e Arxentina e se reuniu con diversos colectivos de emigrantes. Alí anunciou que a Xunta estenderá o denominado Carné +65 con descontos para persoas maiores "aos galegos do exterior para que poidan desfrutar das súas vantaxes cando viaxen a Galicia".