Pontón chama a trasladar ás urnas "o espírito e a rebeldía" da loita de Verín pola sanidade pública

Ana Pontón, cun agasallo, durante a visita ao hospital comarcal de Verín CC-BY-NC-SA BNG

O espírito de Verín. Á gran mobilización que reverteu o peche do paridoiro no hospital comarcal da vila apelou este luns a candidata do BNG á presidendia da Xunta, Ana Pontón, que cre que se o vindeiro 12 de xullo se traslada o espírito do Verín non se pecha ás urnas, haberá cambio liderado polo nacionalismo

Pontón amosou o seu "orgullo e admiración" pola mobilización de Verín contra o peche do paridoiro

Pontón mantivo un encontro cos representantes da plataforma cidadá contra o peche e con persoal sanitario, aos que trasladou o seu "orgullo e admiración" pola mobilización en defensa da sanidade pública que, segundo lembrou, permitiu evitar o peche da sala de partos e da atención pediátrica urxente no centro. 

Ana Pontón, ante o hospital comarcal de Verín CC-BY-NC-SA BNG

"Desde aquí pido estender o espírito e a rebeldía de Verín non se pecha a toda Galicia o 12 de xullo. Se o facemos haberá cambio galego e por primeira vez un goberno en clave de país liderado por unha muller e por unha nacionalista", manifestou Pontón, que advertiu de que Feijóo tivo "a súa primeira derrota" neste municipio.

"Pido estender o espírito e a rebeldía de 'Verín non se pecha' a toda Galicia o 12 de xullo. Se o facemos haberá cambio galego e liderado por unha muller"

Así, Pontón reafirmou o "total compromiso" do BNG coa sanidade pública ao considerar que "nada hai máis importante que garantir o dereito á saúde das persoas con independencia da súa situación económica".

"E iso só é posible cunha sanidade pública forte, libre de recortes e privatizacións", indicou a candidata nacionalista, que asegura que un goberno do BNG vai reverter todos os recortes dunha década de "acoso e derriba ao sistema público" por parte do candidato do PP.

Neste sentido, comprometeu dúas medidas de aplicación prioritaria. "Se os galegos e as galegas me dan o seu apoio para liderar o próximo goberno imos fortalecer a sanidade pública con dúas medidas a adoptar nos primeiros cen días de goberno: cubrir as 6.000 prazas vacantes no Sergas lanzado unha oferta pública de emprego inmediata e un plan de reforzo da Atención Primaria dotada de 200 millóns", sinalou.

O BNG propón cubrir as 6.000 prazas vacantes do Sergas e 200 millóns para reforzar a Atención Primaria nos primeiros cen días de goberno

Ademias, e ante a finalización do estado de alarma e a posibilidade de que os cidadáns se despracen entre os distintos territorios, Ana Pontón preguntouse onde está o protocolo da Xunta para actuar no caso de que haxa algún brote.

"O Goberno proclama que Galicia é destino seguro, pero os galegos e as galegas tamén queremos que Galicia sexa un lugar seguro para as persoas que vivimos e traballamos aquí e o menos que pódese esixir é que o Goberno do PP teña un protocolo claro para saber como actuar de inmediato ante un rebrote", indicou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.