Pontón recoñeceu que os resultados do BNG o pasado 23 de xullo non cumpriron as "as expectativas” creadas, pero salientou que o Bloque "é unha forza política á alza"
O BNG celebrou un ano máis o Día da Patria Galega en Santiago coa tradicional manifestación entre a Alameda e a Praza da Quintana e as intervencións dos seus e as súas dirixentes, encabezadas pola súa portavoz nacional, Ana Pontón. Este 25 de xullo foi un tanto atípico pola súa celebración tan só dous días despois das eleccións xerais do pasado domingo e, ademais, a poucos meses dos comicios galegos, que deberán convocarse antes do verán de 2024.
Por este motivo, os discursos non puideron obviar o contexto político inmediato, cun balance dos resultados do pasado domingo e a mirada posta nas eleccións ao Parlamento galego. Na súa intervención, Ana Pontón recoñeceu que os resultados do BNG o pasado 23 de xullo non cumpriron as "as expectativas” creadas, pero salientou que o Bloque "é unha forza política á alza" e que "o escano reforzado servirá para defender a Galiza nación en Madrid e, ao mesmo tempo, para avanzar en dereitos e liberdades freando ás dereitas".
A portavoz nacional do BNG afirmou que "estamos ante un cambio de ciclo"
O groso do seu discurso estivo enfocado á vindeira convocatoria de eleccións ao Parlamento galego, nas que o BNG aspira a facerse coa Presidencia da Xunta. “Darei o mellor de min para que fagamos historia e teñamos por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender ós galegos e ás galegas, sen submisións nin ataduras", dixo Pontón, que afirmou sentirse "preparada, con máis forza e ganas que nunca para asumir o reto”.
“Darei o mellor de min para que fagamos historia e teñamos por primeira vez unha presidenta coas mans libres", dixo Pontón
Pontón pediulle á militancia do BNG “non cometer o erro de pensar que está feito”, pero salientou que "imos gañarlles porque cada vez somos máis e temos do noso lado a forza da razón e do corazón". A portavoz nacional do BNG afirmou que "estamos ante un cambio de ciclo" e fixo fincapé nas reivindicacións da "mocidade emigrada", na defensa da sanidade pública, no rural que "se levanta fronte á rapiña das eléctricas e o abandono dos gobernos" ou os científicos e as investigadoras "fartas de traballar en precario”.
Pontón fixo un chamamento a "ampliar a base social" do BNG "coas portas abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón"
Ana Pontón fixo un chamamento a "ampliar a base social" do BNG "coas portas abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón". “Hai sitio para todas”, dixo a líder nacionalista, que engadiu que o BNG “é o proxecto común de todos e todas as que pensan que Galiza merece máis”, fronte a "un PP sen proxecto, subordinado ao centralismo, que goberna para as eléctricas mentres deteriora os servizos públicos, como fai coa educación ou coa sanidade".
Pontón engadiu que "os galegos e as galegas merecen máis que un presidente “de reposto” máis preocupado dos problemas do seu xefe de filas que polos da xente do común".
Pontón definiu o Bloque como unha forza “nacionalista e punto"
Pontón definiu o Bloque como unha forza “nacionalista e punto” e citou a Bautista Álvarez para engadir que "o nacionalismo non precisa de adxectivos" porque “o nacionalismo, mesmo aquel que non busca a transformación radical do sistema, é progresista, por espetar un ferrete no riles do imperialismo. É de esquerdas, por transferir ao traballo o poder dos monopolios. É democrático, por devolverlle ao pobo os privilexios que lle usurparon"
Finalmente, destacou que a formación está "no mellor momento da súa historia como demostra o apoio social que non deixa de medrar elección tras elección, con logros como o de gobernar a Alcaldía de Santiago, exemplo da Galiza que vén”.