Pontón compromete que os premios deportivos con cartos públicos serán iguais para mulleres e homes

Ana Pontón coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala CC-BY-SA BNG

O BNG impulsará unha lei de igualdade no deporte cunha partida orzamentaria para combater a fenda de xénero e con plans de conciliación para que as mulleres non teñan que abandonar a súa carreira deportiva para ser nais

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, mantivo este xoves un encontro coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala, campioas de todo tipo de competicións de fútbol, no que expuxo as propostas de goberno da súa formación no eido da igualdade no deporte feminino. No encontro a formación nacionalista avanzou "o desenvolvemento dunha Lei de igualdade con medidas moi concretas, como combater a fenda de xénero no deporte, cunha partida orzamentaria específica para este fin, ou que os premios ou galardóns financiados con cartos públicos serán iguais para homes e mulleres, coa mesma contía económica e a mesma divulgación".

Ana Pontón coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala CC-BY-SA BNG

A líder nacionalista explicou que a lei comprometida tamén contemplará outras medidas, como a promoción de plans de conciliación "para que ningunha muller teña que abandonar a súa carreira deportiva para ser nai" ou o impulso dunha representación equilibrada entre homes e mulleres en todos os órganos de dirección deportivos, tanto na Administración como nas federacións, incluíndo a creación dunha comisión de igualdade no deporte que conte cun mínimo dun 50% de representación de mulleres.

Pontón tamén avanzou a creación dun Observatorio de Deporte e Mulleres que permita coñecer o que acontece neste ámbito de actuación e, deste xeito, poder determinar medidas dende a Administración.

O proxecto de lei do Bloque incorporará tamén a necesidade de garantir a igualdade salarial entre mulleres e homes por facer o mesmo traballo en todas as federacións e entidades deportivas galegas ou que os medios públicos informen e difundan eventos deportivos mantendo un equilibrio entre as competicións masculinas e femininas.

Outra cuestión que Pontón considerou precisa é combater a violencia de xénero tamén no ámbito deportivo, polo que avanzou que esta lei de igualdade incluirá tamén medidas específicas nesta dirección, como a posta en marcha dun espazo accesible e seguro para denunciar calquera comportamento machista ou quitar dos recintos deportivos, co aval da xustiza, a aquelas persoas que mostren comportamentos machistas durante a práctica deportiva mentres duren as sancións impostas.

Ana Pontón coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala CC-BY-SA BNG

No encontro en Burela Pontón desvelou que ela mesma tivera a oportunidade de xogar hai 30 anos en Sarria nun dos primeiros equipos de fútbol sala feminino. Por iso, concluíu, "imos poñernos a traballar pola igualdade porque como dicía Megan Rapione, a igualdade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas as persoas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.