O BNG mobiliza os seus cargos municipais para "desterrar a mentira" o 18F

Ana Pontón cos cargos municipais do BNG este mércores 10 de xaneiro de 2024 CC-BY-SA BNG

"Sempre vou dicir a verdade aos galegos e ás galegas", promete Pontón, que reclama que Rueda compareza no Parlamento para dar explicacións da súa xestión da crise dos 'pellets'

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, celebrou este mércores en Santiago un encontro con cargos locais da súa formación, aos que mobilizou para "desterrar a mentira" nas eleccións do 18 de febreiro. Coa crise dos pellets como fondo, Pontón asegurou que "a xente deste país merece unha presidenta que diga a verdade fronte a un presidente do PP que deu un recital de mentiras, ocultación e incompetencia". 

Ana Pontón cos cargos municipais do BNG este mércores CC-BY-SA BNG

Segundo Pontón, "o 18 de febreiro só hai dúas alternativas": "un goberno do Partido Popular co candidato Rueda como presidente, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena, o mesmo capaz de mentir á cidadanía ante un desastre ambiental, ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza en grande e que sempre, sempre lle vou dicir a verdade aos galegos e ás galegas".

A nacionalista, que amosou a súa solidariedade co sector pesqueiro e cos concellos involucrados, especialmente os de Muros e Ribeira, dous dos máis afectados e os dous gobernados polo BNG, reclamou tanto á Xunta como ao Goberno de España que remate o cruce de acusacións entre administracións. Tamén considerou "urxente" que o presidente Rueda compareza no Parlamento, fronte á intención de que este xoves o faga a vicepresidenta segunda e titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Ana Pontón cos cargos municipais do BNG este mércores CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.