Un programa de compra pública de produtos galegos. Foi a proposta presentada este luns pola candidata á presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, durante unha visita a unha explotación gandeira dirixida por mulleres en Mazaricos.
A tamén portavoz nacional do Bloque presentou a iniciativa Do rural á mesa, un programa de compra de produto galego para os comedores escolares, hospitais, centros sociais e outros centros públicos co obxectivo de apoiar os produtores e aumentar a calidade da alimentación que se proporciona neses ámbitos.
Pontón presenta 'Do rural á mesa', un programa de compra de produto galego para os comedores escolares, hospitais, centros sociais e outros centros públicos
Esta sería, segundo Pontón, unha das medidas de apoio directo ao sector agrogandeiro no caso de alcanzar o goberno da Xunta, apostando así tamén pola compra conxunta de produtos frescos e de proximidade destinados aos centros públicos. Ademais, tamén prevé a posta en marcha dun "cheque de compra de alimentación" para que as familias con rendas máis baixas poidan acceder a estes produtos frescos e de calidade.
As medidas son, segundo dixo a candidata nacionalista, parte dun obxectivo global de manter "un rural vivo e produtivo", condición para a que aposta tamén por máis servizos e "propios do século XXI" en todos os ámbitos, axudas directas ao sector do agro e a gandería e o fomento do emprendemento.
Tícket rural e axudas a emprendedores
Así, prevé a posta en marcha cun tícket rural dotado con ata 15.000 euros anuais durante un quinquenio ou axudas a proxectos innovadores non vinculados ao sector agrogandeiro, ademais de rebaixas na cotización á Seguridade Social para os emprendedores, con exencións na cota de autónomos durante os primeiros tres anos.
Pontón tamén destacou a importancia de incrementar a superficie agraria útil, mobilizar terras improdutivas no monte para pasto e facilitar o cambio de uso segundo as necesidades dos gandeiros, ademais de reactivar o banco de terras. O obxectivo é a mobilización de 100.000 hectáreas nos vindeiros dez anos e un plan de axudas para a incorporación da xente moza ao rural.
Tamén gabou Pontón o traballo das mulleres no rural, "moitas veces non recoñecido", e comprometeu máis medidas a prol da igualdade, promovendo a cotitularidade das explotacións ou medidas pola conciliación.