Pontón promete “unha primavera cultural” tras o 5A e “redefinir” o Xacobeo

Convención do BNG no Auditorio de Galicia en Santiago © BNG

O BNG celebra en Santiago un acto sectorial e unha convención nacional cun milleiro de asistentes

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, celebrou este sábado un encontro sectorial con representantes do mundo da cultura no que prometeu “unha primavera cultural a partir do 5A”. “Hoxe a Xunta inviste en cultura case un 60% menos que hai dez anos o que deriva nun empobrecemento e nunha precariedade no sector cultural do país”, denunciou.

Pontón salientou que o sector cultural é un polo de desenvolvemento económico e de benestar social ademais dun “dereito da sociedade”. A nacionalista tamén considerou necesario “redefinir” o Xacobeo para que sexa unha oportunidade para os creadores e creadoras galegas, para que poidan “mostrarlle ao mundo a nosa cultura”. “Non se trata de que non veñan outras propostas pero apostar polo talento do país ten que ser unha pata fundamental”, dixo, para criticar que o PP “confunde espectáculo con cultura e deixa de lado aos creadores e creadoras do país”. Para iso, o BNG aposta por unhas novas Lei galega do audiovisual, Lei galega de artes escénicas e modificar o estatuto de Agadic.

Acto sectorial sobre cultura da candidata do BNG, Ana Pontón © BNG

Tras o acto sectorial sobre cultura, o BNG celebrou tamén en Santiago unha convención nacional no Auditorio de Galicia con máis dun milleiro de asistentes. Alí, xunto a Pontón, nun acto presentado polo dramaturgo Quico Cadaval, interviron tamén todos os cabezas de lista así como a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín; o número dous por Lugo, Daniel Castro; a número tres por Pontevedra, Alexandra Fernández; e a número catro pola Coruña, Rosana Pérez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.