A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado “os gobernos honrados” do BNG nos concellos fronte ao, dixo, “descrédito dun bipartidismo no que aflora a corrupción”.
Pontón remarcou a "clara diferenza" entre o BNG e "o bipartidismo español": "Nin somos nin queremos ser como eles"
Durante o Encontro Nacional Municipal que reuniu en Compostela alcaldes e alcaldesas, concelleiras e concelleiros, e responsábeis políticos dos municipios, Pontón remarcou a "clara diferenza" do BNG en relación a outras formacións políticas.
“Nós non somos como as demais forzas, non somos como ese bipartidismo español que se di estrutural e baluarte do sistema; nin somos, nin queremos ser como eles”, subliñou, para recordar a continuación que nos seus máis de 40 anos de historia o Bloque non tivo ningún caso de corrupción.
Case a un tempo, durante a presentación do novo secretario xeral do PSdeG en Pontevedra, Iván Puentes, o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, chamou á unidade e reivindicou o orgullo de “representar un proxecto honrado”. "Mentres outros calan ou tapan prácticas vergoñentas, nós non as toleramos, non as xustificamos, actuamos sen medias tintas e expulsamos a quen pretende aproveitarse", explicou.
Besteiro presumiu do "proxecto honrado" dos socialistas: "Mentres outros calan ou tapan prácticas vergoñentas, nós non as toleramos"
Así, Besteiro puxo en valor a reacción do secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez, en canto tivo noticia da implicación do seu xa ex-número tres, Santos Cerdán, nunha trama de corrupción. "Expulsando todo asomo de corrupción dentro da organización e abrindo as portas á transparencia", dixo, tras contrastar o impulso dunha comisión de investigación e unha auditoría do partido coa comisión de Investigación polo sobrecusto do Álvaro Cunqueiro e os contratos a dedo con sinalados persoeiros da contorna de Feijóo e Rueda.
Sinalou que mentres os socialistas van ata o final para depurar responsabilidades, a reacción do PP foi facer “un paripé vetando testemuñas e blindando a Feijóo”. A súa reacción demostra que “non todas as organizacións actúan igual, a nosa diferenza é a decencia”, mentres o PP "deturpa a investigación parlamentaria impoñendo a súa maioría de principio a fin, nas normas de funcionamento, o listado de comparecentes e as conclusións".
Ademais, Besteiro acusou o PP de utilizar Galicia "como banco de probas do peor da política" e alertou dunha alianza PP-Vox porque "a suma de dous partidos condenados por corrupción non dá un goberno limpo".
Ana Pontón, pola súa banda, insistiu nas "diferenzas" entre o BNG e populares e socialistas. “Somos diferentes, si, e ademais de moitos outros feitos diferenciais, o Bloque non participou nunca nin participa agora das prácticas golfas e corruptas tan características do PP, do PSOE e da monarquía”, alegou para incidir en que así o demostran os feitos. “Mías de 40 anos xestionando institucións pública deste país e non hai nin unha soa persoa do BNG condenada por corrupción; somos diferentes e a moita honra”, sintetizou.
A líder nacionalista referiuse aos “lamentables episodios” que se están a vivir na política estatal e nos que aflora a “indecente corrupción” que, neste caso, perpetran supostamente cargos públicos do PSOE, pero que antes xa protagonizaron tamén “o Partido Popular ou a monarquía”.
Díaz: "A corrupción cero si existe; non somos iguais"
Pola súa banda, Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo, cargou este sábado tamén con forza contra a suposta corrupción do PSOE. "Estabámonos matando para salvar tres millóns de traballadores e ao lado había golfos que estaban robando", dixo sobre a aprobación dos ERTEs en pandemia. "E mentres uns acordaban mordidas, outros estabamos traballando na reforma laboral", engadiu, antes de aludir á mensaxe de Pedro Sánchez sobre a inexistencia da corrupción cero nas formacións políticas.
"Non somos todos iguais. A corrupción cero si existe. Nós somos limpas; temos cinco ministerios limpos, un espazo político que goberno e que non roubou", dixo a respecto de Sumar e as formacións vinculadas ás mareas ou os comuns.