Por que a esquerda busca o voto "dos avós", en tres gráficos

Asistentes ao mitin de En Marea, este domingo na Coruña CC-BY-SA En Marea

O 19 de xuño de 2005 o PP de Manuel Fraga perdía a maioría absoluta fronte a PSdeG e BNG e once días despois o reconto do voto emigrante ratificaba a súa inminente saída da Xunta, que acabaría sendo realidade a comezos de agosto. Naqueles comicios, históricos pola pouco frecuente alternancia no poder galego, na banda esquerda estaba xa asentada a crenza de que un dos obstáculos fundamentais para chegar ao goberno era o sector de poboación de maior idade, pola súa maior tendencia a votarlle ao PP. No entanto, daquela o grupo de idade máis numeroso entre o electorado galego era a mocidade. Na actualidade o panorama é ben distinto e a esquerda apela, se cadra máis abertamente que hai unha década, ao voto das persoas maiores.

No seu concorrido mitin deste domingo na Coruña foron varios os referentes de Unidos Podemos e En Marea que se dirixiron directamente á xente de máis idade. A proposta da coalición, afirmou Alberto Garzón, baséase na "solidariedade xeracional" para, por exemplo, mellorar o emprego e manter as pensións. Esta opción electoral propón unha "rebelión", ironizou Íñigo Errejón, "si, con vós, as avoas e os avós", sinalou. Na mesma xornada, Pedro Sánchez dirixíase aos "vellos socialistas" para que confíen no seu partido de sempre e non muden por outras opcións. O PP, pola súa banda, vén proclamando durante a campaña que as pensións estarán en serio risco se gobernan "os extremistas", os "malos", en verbas de Mariano Rajoy.

As maiores de 65 son case un terzo do censo galego no 26X

A importancia do electorado maior é crucial no conxunto do Estado, e en Galicia é indubidable. Como informou Praza.gal, a mocidade pasou nunha década de ser o grupo electoral máis numeroso a ser o menos relevante en apenas unha década. Así, no censo das eleccións do 26X figuran inscritas nas circunscricións galegas algo máis de 425.000 persoas de entre 18 e 34 anos, 200.000 menos que hai dez anos. Mentres, teñen dereito ao voto máis de 664.000 mulleres e homes maiores de 65 anos, case un terzo do corpo electoral galego. As súas preferencias electorais, polo tanto, son cada vez máis relevantes.

O estudo postelectoral do CIS sobre as xerais de decembro indica que o PP segue a ser preponderante entre as persoas maiores

Atraer o voto das persoas maiores é moi relevante para todas as forzas políticas, pero moito máis para a esquerda porque, a priori, é a que máis afastado ten a este sector da poboación. Así o amosa, por exemplo, a enquisa postelectoral do CIS a respecto das xerais de decembro. Ao cruzar as respostas sobre o recordo de voto -a forza política que as persoas enquisadas din que elixiron- coas variables demográficas obsérvase como o PP só segue preponderando con claridade entre as persoas maiores de 65 anos, cun 35% de recordo de voto, dez puntos máis que a segunda forza neste sector da poboación, o PSOE, e vinte e oito puntos máis que a terceira, Podemos e as súas confluencias.

Na banda contraria, a do electorado máis mozo, o panorama é radicalmente diferente. A suma do reconto de voto de Podemos xunto a En Marea, En Comú e Compromís rolda o 30% do recordo de voto, o PSOE é segunda forza, co 16%, e o PP é terceira, co 14%. Podemos e as confluencias mantéñense en cabeza ata a franxa de idade de entre 45 e 54 anos, cando son substituídos na primeira posición polo PSOE, tamén primeira forza no recordo de voto nas mulleres e homes de entre 55 e 64 anos. 

Os datos máis recentes a este respecto correspondentes a Galicia, os do estudo postelectoral do CIS realizado tras os comicios galegos de 2012, amosan un fenómeno semellante coas forzas políticas que concorreron a aquelas eleccións, pero co PP como primeira forza entre todas as franxas de idade. Así, mentres que as persoas maiores de 65 o recordo de voto aos de Alberto Núñez Feijóo roldaba o 56% e o PSdeG, segunda forza, apenas pasaba do 15%, entre o electorado de 18 a 24 anos o PPdeG estaba no 30%, co BNG como segunda forza con case o 15%, e na franxa de 25 a 34 anos, o PP ficaba no 26%, tres puntos por riba da segunda forza que daquela foi AGE.

Leiceaga, con dúas vendedoras no mercado de Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG
Noa Presas, do BNG, repartindo propaganda en Celanova CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.