Portugal impón o control de documentos en 9 pasos con Galicia desde o sábado e durante 16 días pola visita do Papa

Alcaldes e alcaldesas da 'raia', nunha protesta simbólica durante o peche de fronteiras pola COVID-19 CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

O Goberno de António Costa reforza a seguridade pola celebración en Lisboa da Xornada Mundial da Xuventude pero sinala que a medida será aplicada con "proporcionalidade" para "reduzir o seu impacto sobre a livre circulação de pessoas"

Ante a celebración en Lisboa entre o 2 e o 6 de agosto da Xornada Mundial da Xuventude, á que está previsto que asista o Papa Francisco, o Goberno de Portugal vén de aprobar a recuperación do control de documentos nos principais pasos fronteirizos durante 16 días, entre as cero horas deste sábado 22 de xullo e as cero horas do luns 7 de agosto. A medida, publicada o pasado venres no Diário da República, cita un total de 21 pasos fronteirizos entre os dous estados, nove deles entre Galicia e o Norte de Portugal, entre eles os máis transitados.

Segundo a resolución do Goberno de António Costa, a medida excepcional contemplada no acordo Schengen de libre movemento de persoas dentro da Unión Europea, adóptase para garantir a seguridade durante un evento que se prevé multitudinario.

Desembocadura do Miño vista desde Vila Nova de Cerveira CC-BY-SA Praza Pública

 "Considerando a dimensão, as características, a complexidade do evento, a sua visibilidade mediática, o enorme afluxo de pessoas esperado e o contexto atual de ameaça, é manifesta a necessidade de garantir a segurança interna, através de medidas adequadas, entre as quais a prevenção da entrada em território nacional de cidadãos ou grupos cujos comportamentos possam ser suscetíveis de comprometer a segurança dos cidadãos nacionais e estrangeiros que participarão no evento", di o documento oficial.

O control de documentos implantarase nun total de 21 pasos fronteirizos entre os dous estados, 9 deles entre Galicia e o Norte de Portugal:

  • Goián-Vila Nova de Cerveira
  • Tui-Valença
  • Salvaterra-Monçao
  • Arbo-Melgaço
  • Lobios-Lindoso
  • Calvos de Randín-Tourém
  • Baltar-Montalegre
  • Verín-Chaves
  • A Mezquita-Vinhais
Imaxe difundida en 2017 pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sobre o control na ponte Goián-Vila Nova de Cerveira pola visita do Papa daquel ano Dominio Público Sandra González

Segundo o Goberno de Portugal, a medida do control documental aplicarase con "proporcionalidade, limitando-se ao mínimo estritamente necessário para responder a eventuais ameaças à ordem pública e à segurança interna, de forma a reduzir o seu impacto sobre a livre circulação de pessoas".

Durante a visita do Papa a Fátima de 2017 Portugal decidira pechar a gran maioría dos pasos durante 5 días, deixando abertos só os de Valença e Chaves, e despois rectificou e abriu máis, pero o control de documentos provocou retencións

Fronte ao control documental agora decidido para esta xornada Mundial da Xuventude, en 2017, durante outra visita papal, daquela a Fátima, Portugal tomara a decisión de pechar durante cinco días a gran maioría dos pasos fronteirizos, permitindo no caso de Galicia o cruce só por Valença e Chaves. As protestas rexistradas a ambos os dous lados da raia levaron finalmente ao Goberno luso a abrir máis pasos, o que non evitou que se producisen retencións.

Tamén durante os primeiros meses da pandemia da COVID-19 os dous estados pecharon as fronteiras e despois limitaron a uns poucos pasos os lugares habilitados para o cruce, o que supuxo obstáculos principalmente para o persoal transfronteirizo que a diario traballa a un lado da raia e vive ao outro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.