PSdeG e BNG, á batalla contra o desánimo electoral: "se nos movemos, o PP perde"

Vázquez e Jorquera, candidatos de PSdeG e BNG CC-BY-NC-SA PSdeG/BNG

"¡Aquí no se rinde nadie!". A máxima reiterada durante lustros polos revolucionarios cubanos e empregada en ámbitos tan dispares como a política ou o fútbol ao longo dos anos podería ser aplicada tamén ás mensaxes e estratexias que PSdeG e BNG están a aplicar con intensidade na recta final da carreira electoral. A unha semana das eleccións socialistas e nacionalistas semellan decididos a dar a batalla contra o desánimo na súa parroquia. Nin Pachi Vázquez nin Francisco Jorquera dan nada por perdido e instan á súa militancia, pero tamén ao seu electorado potencial, a non caer no desalento que poderían inspirar as enquisas que amosan a Alberto Núñez Feijóo residindo en Monte Pío durante catro anos máis. Se hai mobilización, hai cambio, manteñen dende as dúas caravanas electorais.

A inxección de tensión na tropa dunha e doutra formación estivo por baixo de boa parte das mensaxes lanzadas por ambos candidatos, ambos cunha intensa axenda de actos no derradeiro domingo de campaña. No caso do PSdeG a mensaxe contra a "desmobilización" estivo reforzada no seu mitin do Pazo da Cultura de Pontevedra por un convidado, José Antonio Griñán, o presidente do PSOE e da Junta de Andalucía que o pasado marzo logrou revalidar o cargo -pactando con IU- malia aos inquéritos que prognosticaban unha maioría absoluta do conservador Javier Arenas. Ao PP andaluz a demoscopia dáballe "nove deputados máis" e aos socialistas, "oito menos" dos que finalmente obtiveron, lembra Griñán, convencido da capacidade dos socialistas galegos para "darlles a volta ás enquisas". "Hai que transmitir alegría e confianza", arengou, que "xa é bastante triste abrir os periódicos e escoitar o informativo de TVE, que xa parece o No-Do", afirma. "Eu estou convencido de que Pachi o vai conseguir", afirma.

O PSdeG lembra que en Andalucía as enquisas lle daban ao PP "nove deputados máis" dos que tivo

A arenga lanzada por Griñán foi recollida por Pachi Vázquez. "Se todos os que queremos nos movemos, van perder por goleada", nun contexto no que, di, o "40%" de persoas indecisas non son votantes potenciais do PP. "Son aqueles aos que lles pode faltar ilusión e ganas, porque a dereita alimenta iso". Neste contexto, o candidato socialista conclúe que "as enquisas de verdade, os datos aos que non hai que meterlles cociña din que o 49% dos galegos e galegas queren un cambio de goberno en Galicia"; iso "non hai que cociñalo" e a súa vontade é "mobilizar" a esa parte do país, porque esta carreira electoral "vai do modelo de vida que queremos". "Ou nos plantamos e dicimos que país queremos ou non vale chorar despois", afirma, cando Galicia vaia "camiño de Grecia e Portugal".

Jorquera ve a Feijóo "disposto a todo" para evitar o cambio

A mensaxe mobilizadora foi tamén protagonista na banda do BNG, cuxo candidato, Francisco Jorquera, protagonizou na mañá deste domingo un mitin en Monforte con nutrida asistencia da veciñanza da vila. O cabeza de cartel do Bloque non só chama os simpatizantes do "nacionalismo" e da "esquerda" ao voto, senón que ademais lanza unha alerta. Feijóo, di, "está nervioso e por iso xoga sucio". Xa "violou nove veces a lei electoral" e "está disposto a todo para que o desexo de cambio maioritario non se plasme nas urnas". "Mesmo se o precisa é capaz de volvernos regalar esta semana outra operación espectáculo como ás que nos ten acostumados cando se achega un período electoral". Todo, di, para "emporcar o terreo e tentar confundirnos", creando "a imaxe de que todos somos iguais".

Jorquera: "Se o precisa, Feijóo é quen de volvernos regalar esta semana outra operación espectáculo"

Pero malia ao PP e malia ás enquisas Jorquera está convencido de que "as eleccións están absolutamente abertas" e ten igual de "claro" que "hai un descontento maioritario na sociedade galega co PP". Fronte a isto, advirte, os días que quedan ata as eleccións serán os da "campaña do medo" pola banda conservadora, mentres que o Bloque seguirá a impulsar o "cambio real" que aspira a "protagonizar. Feijóo, di, xa "non pode vender solvencia, porque solvencia é resolver os problemas máis acuciantes que ten o país e non mentir como fai Feijóo, que é un presidente insensíbel e tramposo". Do mesmo xeito, garante, o apoio ao BNG servirá para evitar unha "maioría absoluta" que lle daría ao PP "un cheque en branco" para que, tamén dende o Goberno central, "siga aplicando recortes", algo que acontece "aínda que nestes días Rajoy ande por Galiza facendo campaña e evite a foto con Feijóo".

Vázquez, con Griñán en Pontevedra CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, no mitin de Monforte CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.