PSdeG e BNG tentan levar a Feijóo ao Parlamento no verán

Vázquez, con Losada e Caride, no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

É case un clásico. Case tanto como os xeados, as reposicións televisivas, as festas gastronómicas ou as chuvias extemporáneas. Cada verán, a oposición parlamentaria forza a convocatoria de, cando menos unha sesión da Deputación Permanente -órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles- para reclamar un pleno extraordinario que, polo xeral, adoita incluír unha comparecencia do presidente do Goberno de quenda. Acontecía durante os mandatos de Manuel Fraga, sucedeu co bipartito na Xunta e repítese agora, no último treito da lexislatura do retorno do PP ao poder. Desta volta a petición formal chega dende as filas do PSdeG, único dos dous grupos da oposición con deputados dabondo para poder realizar esta xestión, se ben tanto socialistas e nacionalistas coinciden na necesidade de celebrar un novo pleno extraordinario no que a orde do día non teña só a cor azul dos populares. Conflúen tamén, en boa medida, nos asuntos que piden abordar.

Con independencia de que o PP acceda ou non -o máis probable- ás peticións da oposición, a Deputación Permanente reunirase o vindeiro mércores e nesa sesión socialistas e nacionalistas enmarcarán no "grave contexto económico" a esixencia dun peno. Na súa reclamación formal o PSdeG considera "evidente a peor situación relativa da economía galega" a respecto do resto do Estado, con datos como o paro, o índice de produción industrial ou o incremento da débeda pública, aos que se une a "existencia de moitas dúbidas en relación coa posibilidade de existencia futura" de Novagalicia Banco. "Ante este alarmante estado do país -din- o máximo responsable do Executivo non pode seguir agochado" nin "continuar negando a constitución dunha comisión de investigación sobre o acontecido nas caixas de aforro". Do mesmo xeito, coidan urxente adoptar de inmediato "medidas" para "salvagardar determinados dereitos e prestacións alcanzados no ámbito dos servizos sociais básicos".

"Ante este alarmante estado do país o máximo responsable do Executivo non pode seguir agochado"

Por todo isto o PSdeG tentará que desa Deputación Permanente saia unha orde do día dun pleno que inclúa a comparecencia de Feijóo "para coñecer a súa valoración sobre a situación económica de Galicia" e a súa "estratexia para garantir a permanencia" de NCG Banco. Ademais, apostarán por inserir un "acordo de interposición de recurso de inconstitucionalidade" contra os reais decretos lei de recortes en sanidade e educación, a creación inmediata da comisión de investigación sobre as caixas, a toma en consideración das iniciativas lexislativas populares (ILP) en defensa da sanidade pública e de Preescolar na Casa e, por último, axilizar a reforma regulamentaria para a participación nas votacións das deputadas embarazadas.r

Carta do BNG aos grupos e posición de Feijóo

Pontón considera "urxente" a constitución da comisión das caixas e a conformación dunha orde do día "plural"

Dado que o BNG non conta cos parlamentarios precisos para realizar estas peticións formais -cómpre un mínimo de quince- a súa voceira, Ana Pontón, tenta chegar ao mesmo obxectivo pola vía da diplomacia. Así, a nacionalista dirixiulles unha carta aos seus homólogos no PP, Pedro Puy, e no PSdeG, Abel Losada, para reclamar o devandito pleno e unha "orde do día plural" no mesmo, unha práctica que os conservadores, censura, "impediron" na sesión extraordinaria do pasado día 3 "amparándose na súa maioría absoluta". Neste contexto, Pontón tamén considera "urxente" a constitución da comisión sobre as caixas, o debate das ILP de SOS Sanidade e Preescolar na Casa e debater sobre os novos recortes que prevé o Goberno central. "Propoñemos que os portavoces poidamos vernos ao longo desta semana co obxectivo de acordar unha orde do día que inclúa estes asuntos e reflicta a pluralidade que existe no Parlamento de Galiza", conclúe a misiva.

Precisamente sobre un destes asuntos, a investigación das caixas que el mesmo prometeu, pronunciábase Alberto Núñez Feijóo ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta. Dado que o Banco de España vén de darlle o seu visto e prace aos plans de recapitalización de Novagalicia o presidente foi cuestionado polo momento en que decidirá activar a comisión -ten asegurado que sería en xullo-. "Veremos a solución que se adopta dentro das propostas e cales son os calendarios", di Feijóo quen, en todo caso, mantén que a comisión "se ten que aprobar de forma inmediata no Parlamento e empezará a súa constitución e a súa listaxe de persoas ás que pediremos que comparezan". Sen fixar prazos concretos, o xefe do Executivo coida que "a constitución" da comisión "e a capitalización" do banco "se poden producir para que coincida o obxectivo fundamental, que é salvar unha entidade financeira, e investigar o que ocorreu para saber onde están os erros que levaron a dúas caixas moi solventes a unha situación de extraordinaria dificultade".

Vázquez, con Losada e Caride, no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG
Ana Pontón, voceira do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.