PSdeG e BNG ven no posible falseamento do déficit a ratificación de que Feijóo "mente"

Feijóo con Currás, conselleira de Facenda no período analizado © Conchi Paz

Un dos principais argumentos do presidente da Xunta e candidato á reelección no seu debate co socialista Pachi Vázquez na TVG foi a "solvencia" das contas públicas e o "control" do déficit durante o seu mandato. Poucos minutos despois da finalización dese cara a cara electoral comezou a circular por internet o titular da nova que ía ofrecer El País na mañá deste martes. O diario tivera acceso a un informe do Consello de Contas no que ficaba reflectido que o Goberno galego "desprazou de xeito irregular 411 millóns en facturas mal contabilizadas" dende o exercicio económico de 2010 ao de 2011. Segundo a auditoría, instruída por quen fora conselleiro de Economía con Manuel Fraga, José Antonio Orza, este "gasto non contabilizado" de maneira errónea permitiulle ao Executivo cumprir co teito de gasto fixado polo Estado, ao "reducir en sete décimas o déficit presentado ao Ministerio de Economía". 

Segundo os datos desta información Contas sinala que Galicia cumpriu en 2010 o obxectivo de déficit do 2,4%, pero este dato podería variar, xa que entran en xogo as "necesarias reservas dos posibles axustes que poidan resultar deste informe". Isto é, coas facturas computadas no ano correspondente, sería máis que probable que a Xunta non cumprise. O impacto da nova, directo a dous dos piares da argumentación electoral de Feijóo -a "solvencia" e a "fiabilidade"- é vista por PSdeG e BNG como unha ratificación do que ambas formacións viñan advertindo e que resumen nunha afirmación: "Feijóo mente", coincidiron en sinalar o secretario de organización dos socialistas, Pablo García, e o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez.

Contas cifra en 411 millóns as facturas desprazadas de 2010 a 2011, segundo El País

Mentres, a preguntas dos xornalistas tras un acto electoral, Feijóo desdeñaba o informe asinado por quen fora compañeiro seu no Goberno de Fraga, García e Vázquez insistían en reclamar explicacións. Segundo Feijóo "sería un milagro" poder ocultar ese volume de facturas. "O informe non di o que algúns queren", afirma, nun contexto no que, asegura, ata "un estudante de primeiro de Economía ou de Empresariais" sabe que esta manobra non sería posible. Ademais, subliña, o déficit de 2010 foi "auditado" polo Goberno de Zapatero. Pero a versión do conservador non convence no PSdeG nin no BNG. "Ocultou este informe, que xa coñecía, como ocultou a auditoría das caixas ou os contratos con Pemex", di o número dous dos socialistas, quen cre que o informe "vén dar a arazón ao que levamos denunciando varios meses", máis aínda tendo en conta que Orza "non é sospeitoso de ser un socialista nin de quere facerlle un favor ao PSdeG".

"Se ocultou 400 millóns de euros en 2010 e o exercicio de 2011 o pechou tres meses antes, as contas que se coñecerán despois do 21 de outubro poden ser unha bomba de reloxaría", augura García. Esta mesma prevención exprésaa Guillerme Vázquez, para quen o estado real das contas públicas é agora "unha interrogante absoluta". "Nós vimos afirmando que Feijóo está montado na mentira permanente, do eólico a Pemex", di o nacionalista, que coida que a auditoría do Consello de Contas amosa "calramente que o señor Feijóo cadrou o déficit derivando a 2011 pagamentos de 2010". "Iso é trampa e mentira", di Vázquez, quen ademais se pregunta "canto hai que seguir derivando para cadrar a famosa solvencia da que fala Feijóo". "Non se pode mentir permanentemente", conclúe.

Feijóo con Currás, conselleira de Facenda no período analizado © Conchi Paz

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.