"Quen necesita un código ético é o PP"

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

"Un arrebato de indignidade". O Consello da Xunta deulle este xoves luz verde ao acordo para remitirlles aos sindicatos o "código ético" co que, segundo Alberto Núñez Feijóo, fican definitivamente vetadas as posibilidades de prácticas corruptas no seo da Administración autonómica. Entre as novidades anunciadas polo xefe do Executivo figura a extensión de boa parte dos preceptos código -que non ten consecuencia legal ningunha- ao conxunto do persoal público. A primeira central sindical en retrucar a proposta gobernamental foi a CIG, que descarta chegar a un acordo coa Xunta baseado nese texto. "Non nos imos prestar a este xogo inmoral", din.

A xuízo do sindicato nacionalista "quen necesita un código ético é o PP", polo que "non imos consentir que ante a pregunta de se os cargos do PP rouban se conteste que os empregados e empregadas públicas precisan un código ético". Dende o seu punto de vista, ante a vaga de "múltiples casos de corrupción política", os conservadores "pretenden desviar a atención apuntando directamente" o persoal da Administración "como culpable dos casos de corrupción", cando son precisamente este traballadores quen exercen "controis" sobre os actos da Xunta. "É precisamente a existencia de empregados e empregadas públicas un dos freos para impedir que se siga metendo a man nas arcas públicas", subliñan.

A CIG salienta que o persoal público actúa como "freo para que se siga metendo a man nas arcas públicas"

Neste contexto, a CIG a segura que non "consentirá que o amigo dun narcotraficante lles dea leccións de ética aos empregados e empregadas" da Xunta. Non en van, acrecentan, é o propio PP quen favorece un "ambiente corruptóxeno" no que "se mercantilizan os servizos públicos", converténdoos en "fonte de lucrativos negocios onde os bens públicos son mercadoría". "É aí onde se aprestan a facer negocio os que consideran que son parte da operación mercantil da súa venda", din.

Nada novo a respecto da lei de transparencia

Quen tamén saíu a paso do anuncio solemne da Xunta foi o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, blanco das críticas dos populares nos últimos días por reclamar a extensión das cláusulas sociais na contratación pública que aplica a Deputación de Lugo ao conxunto das administracións. No marco dunha xornada parlamentaria do seu partido Besteiro evidenciou que o esencial do código presentado por Feijóo "xa está recollido na lei de transparencia no ano 2006", texto legal que xa vetaba os agasallos a cargos do Goberno e único límite legal para eles antes e despois do devandito código.

Besteiro censura que Feijóo "oculte" que os agasallos xa están vetados dende 2006

O código, sinala Besteiro, "non afronta grandes novidades" e simplemente "sitúa no contexto actual" un "desenvolvemento da lei de 2006". "O que resultaŕia máis interesante para a sociedade é saber cal é a posición do PP ante os casos de corrupción, aí si que sería bo que desenvolvesen un código ético e tivesen un criterio", afirma. "O que presentaron onte -salienta- está na lei promovida durante o Goberno de Touriño", unha circunstancia que "Feijóo agora trata de ocultar".

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo
Besteiro, este venres no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.