Rajoy volverá propor un goberno co PSOE se os resultados das xerais son similares aos anteriores

Feijóo e Rajoy en Santiago antes de reunirse con colectivos sociais e ONG Dominio Público PP

Se os resultados tras as próximas eleccións xerais son similares aos das anteriores, o presidente en funcións e candidato do PP, Mariano Rajoy, volverá propor un goberno co PSOE, “e senón que deixen gobernar a lista máis votada”. Así o dixo Rajoy este xoves nun mitin en Pontevedra, o primeiro acto público que celebra na súa cidade desde que na anterior campaña electoral o 16 de decembro un mozo de 17 anos o golpease na cara. Antes do mitin o presidente paseou un rato por Pontevedra, como facía cando foi agredido, esta vez sen incidentes, e condenou ante os medios de comunicación o asasinato da deputada laborista Jo Cox este mesmo xoves, en plena campaña tamén no Reino Unido cara o referéndum sobre a súa saída ou non da Unión Europea.

Feijóo fai que o presidente en funcións se comprometa ante o sector a ter en conta a dispersión poboacional nun novo financiamento dos servizos sociais e recolla a súa proposta dun fondo contra o envellecemento

Rajoy insistiu na súa intervención en que o PP é o partido con máis apoio popular e  en que o resto de formacións deberían deixalo gobernar en solitario aínda que non obteña a maioría absoluta. Pero asegurou que, se tras as próximas eleccións se repiten uns resultados similares aos das anteriores, proporá como daquela un goberno “co PSOE”, “e senón que deixen gobernar a lista máis votada”, engadiu. A outra opción, dixo, sería unha “coalición PSOE, Podemos, Ciudadanos”. “A ver se son quen de facela”, sentenciou. “Onde estaban hai catro anos eses que agora arranxan o país en 48 horas?”, preguntouse máis tarde.

Rajoy paseou por Pontevedra e deu un mitin por primeira vez desde a agresión que sufriu na pasada campaña electoral

Rajoy iniciou a súa intervención lembrando de xeito irónico a súa agresión: “Xa recuperei as gafas desde a última visita”, dixo. Logo insistiría ante os seus veciños en que está “ben, en forma, preparado para seguir levando o timón de España os próximos catro anos”. A agresión da pasada campaña electoral rematou coa condena este mesmo mes do mozo agresor, sen que Rajoy exercera a acusación particular, a dous anos de internamento en réxime pechado e un de liberdade vixiada. Nas ocasións en que se ten pronunciado sobre aquel feito, Rajoy ten dito que non lle doeu tanto aquel golpe dun veciño como que a Corporación municipal da súa cidade o declarase en febreiro persoa non grata, por iniciativa de PSdeG e Marea e co apoio do maioritario BNG, logo de que o seu goberno en funcións ampliase ata 2073 a permanencia na ría de Pontevedra da factoría de pasta de papel de ENCE. Este xoves, á entrada do seu mitin en Pontevedra, a Rajoy recibiuno unha nova protesta contra esa decisión.

Dispersión poboacional e fondo demográfico

Antes do mitin en Pontevedra, Rajoy, acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o seu conselleiro de Política Social, reuniuse este mesmo xoves en Santiago con representantes de colectivos sociais e ONG. Malia que o encontro foi a porta pechada, os asistentes consultados indicaron que Rajoy insistiu na necesidade de homoxeneizar as prestacións sociais e sociosanitarias que as administracións ofrecen nas distintas comunidades autónomas. Tras esa intervención, e sempre segundo as versións coincidentes de varios dos asistentes, Feijóo introduciu na conversa a cuestión da dispersión poboacional galega e do norte de España como un factor a ter en conta á hora de elaborar un novo sistema de financiamento dos servizos sociais. Segundo estas versións, Rajoy comprometeuse a atender esa demanda. Posteriormente, xa no mitin de Pontevedra, o candidato popular recolleu outra das propostas lanzadas nos últimos tempos por Feijóo e prometeu políticas que loiten contra o declive demográfico e o avallentamento da poboación. “Imos apostar pola creación dun fondo demográfico que teña en conta por unha parte o envellecemento da poboación e que por outra proporcione estímulos á natalidade”, asegurou Rajoy.

Feijóo cargou contra Pablo Iglesias por "querer controlar os espías" e a ministra Pastor pediu o voto "para que o pesadelo frontepopulista non se faga realidade"

Tamén no mitin, Feijóo, como vén facendo desde o primeiro día desta campaña e coas eleccións autonómicas de outono como pano de fondo, optou por salientar todo o que está a facer o seu goberno autonómico “nos seis meses en que estes políticos bloquearon España”. Feijóo tamén lembrou que os ex presidentes Adolfo Suárez, Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero formaron goberno sen obter maioría absoluta, polo que pediu ao resto de partidos que deixen gobernar a Rajoy se volve ser o candidato máis votado. Entrando no detalle, o presidente galego criticou a Ciudadanos por “non querer o AVE a Galicia” e ao candidato de Unidos Podemos, Pablo Iglesias, por “querer controlar os espías, a Policía e Garda Civil”.

Na mesma liña, a ministra de Fomento e candidata por Pontevedra Ana Pastor cargou contra o “populismo”, que vinculou co goberno de Venezuela e do que salientou que “non é unha ideoloxía” senón “unha estratexia” para acadar o poder “sexa como sexa” que, “acompañada polo comunismo”, dixo, “leva aos países á pobreza”. Pastor pediu o voto para que “o pesadelo frontepopulista non se faga realidade”.

Antes de chegar a Galicia, na mañá deste xoves Rajoy visitou unha explotación gandeira no pobo asturiano de San Martín de Podes, onde defendeu o medio rural fronte a outros partidos que, dixo, “o ignoran”. Alí Rajoy, segundo destacou o propio PP nunha nota de prensa, dixo estar realizando unha campaña de proximidade “escapándome do que ten sido o meu hábitat natural destes anos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.