Renfe, que non formou o maquinista para o risco concreto de Angrois, volve ao foco da investigación

Renfe asegurou que se intensificara a formación aos maquinistas sobre o risco de Angrois, algo que non foi así no caso do condutor do Alvia CC-BY-SA Praza Pública

Polo menos dez técnicos intermedios de Renfe recibiron, un ano e medio antes do accidente do tren Alvia en Angrois, unha advertencia de que nesa curva existía o risco dun descarrilamento por exceso de velocidade como o que acabou ocorrendo o 24 de xullo de 2013 provocando 80 mortos. Así llo comunicou por escrito un maquinista xefe de Ourense, pero a operadora argumentou que non o fixera pola vía regulamentaria e que, en todo caso, algúns dos coñecedores desa situación, malia considerar que non se incumpría a normativa, decidiran reforzar a formación aos maquinistas sobre a freada brusca que requiría esa curva. Porén, o maquinista do Alvia sinistrado, Francisco José Garzón Amo, non recibiu esa formación. Así o vén de salientar o seu avogado nun momento da instrución no que o foco da mesma volve estar compartido por Adif e Renfe.

A instrución centrárase en Adif, pero o seu director de Seguridade apuntou tamén a Renfe, que fora advertida por outro condutor do perigo dun exceso de velocidade como o que ocorreu

Adif, a empresa pública que xestiona a rede ferroviaria, está no foco da investigación case desde o primeiro momento polas diversas eivas de seguridade que presentaba a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro. A súa argumentación sempre foi que cumprira coa normativa, pero desde que hai case dous anos a Audiencia Provincial da Coruña reabriu a instrución, o xulgado está a pescudar se non o fixo nun aspecto concreto, o de avaliar e tratar o risco da curva de Angrois como o esixía a normativa europea. Foi o pasado xullo cando, preguntado por esa cuestión, o director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, imputado como máximo responsable nesa empresa pública de validar esas análises, apuntou como corresponsables a outros departamentos de Fomento e Renfe. Iso motivou a imputación do seu homólogo nesa outra empresa pública, Antonio Lanchares, ao que “situou en idéntico grao de responsabilidade que o seu”, segundo o xuíz.

Antonio Lanchares, director de Seguridade de Renfe, sae do xulgado como investigado o 7 de novembro [CC BY-SA Praza Pública]

Técnicos de Renfe decidiron "intensificar a formación" sobre o risco da curva de Angrois malia que ao seu ver cumpría a normativa

Lanchares, director de Seguridade na Circulación de Renfe, compareceu no xulgado a comezos de outubro para dicir que nin Adif nin os seus subordinados o informaran de ningún risco na curva de Angrois. E sen que lle preguntaran pola cuestión el mesmo mencionou na súa declaración a advertencia formulada no seu momento polo maquinista xefe de Ourense, José Ramón Iglesias Mazaira, para dicir que o seu departamento nunca soubo dela porque non se realizara polas vías regulamentarias.

Porén, agora o avogado do maquinista sinistrado vén de presentar un escrito no xulgado no que, entre outras cuestións, lembra que entre as dez persoas ás que Iglesias Mazaira enviou o seu aviso estaba o seu superior inmediato, José Luis Rodríguez Vilariño, que formaba parte do departamento de Seguridade na Circulación, o que debía analizar esas cuestións. Ademais, o aviso foi formulado por correo electrónico, unha das canles que a propia Renfe establecera para ese tipo de comunicacións, segundo salienta o avogado.

Hai catro anos tanto Iglesias Mazaira como Rodríguez Vilariño declararon no xulgado sobre esa cuestión e coincidiron en que a situación existente na curva de Angrois, na que os maquinistas tiñan que frear de 200 a 80 quilómetros por hora sen que existise ningún sistema automático que evitase ou paliase o seu posible erro, estaba permitida pola normativa. Malia iso, decidiron “intensificar a formación” aos maquinistas sobre esa situación. Así o asinaron en senllos documentos remitidos por Renfe ao xulgado cunha redacción tan similar que outras partes da causa consideran que foron obrigados a facelo pola empresa pública.

O expediente formativo do maquinista do Alvia non reflicte ningunha formación específica sobre Angrois

Porén, esa suposta “formación” intensificada sobre a curva de Angrois nunca chegou ao maquinista do Alvia. Como revelou hai catro anos El País, o expediente formativo de Garzón Amo entregado ao xulgado pola propia Renfe non reflicte nada ao respecto. Outros maquinistas que compartiron formación con el e o sindicato coinciden nesa mesma falta de formación específica. Agora o seu avogado incide nesa cuestión, á que denomina “unha das grandes mentiras” da causa, incidindo en que se esa mellora da formación dos maquinistas foi a “medida mitigadora” do risco que existía en Angrois, debeu deixar un rexistro da súa tramitación, pero este nunca foi achegado á causa por Renfe.

“Ao Sr. Garzón Amo non se lle impartiu máis formación a raíz da denuncia do Sr. Iglesias Mazaira”, di o avogado, porque pertencía ao “Servizo de Alta Velocidade e Longa Distancia con residencia na Coruña” mentres que Mazaira era do “Servizo de Media Distancia e residencia en Ourense”. E esgrime o certificado formativo de Garzón que reflicte que non recibiu ningún tipo de formación sobre a liña Ourense-Santiago en datas posteriores á advertencia de Mazaira.

Por tras da cuestión da responsabilidade compartida ou non entre Adif e Renfe hai importantes intereses económicos

Sobre a adecuación ou non á normativa das análises de riscos que realizaron Adif e Renfe está pendente de emitirse un informe solicitado polo xulgado á Axencia Ferroviaria Europea sobre o que todas as partes coinciden en que será clave para o futuro da instrución, xunto coa determinación do ou dos responsables de non realizar esas avaliacións.

Por outra banda, por tras da cuestión da responsabilidade compartida ou non entre Adif e Renfe hai importantes intereses económicos. Se o único culpable do sinistro resulta ser o maquinista, as indemnizacións corresponderán á súa empregadora, Renfe. Por iso a aseguradora de Renfe, QBE, intenta desde o comezo da instrución facer corresponsable a Adif e así compartir con ela o custo.

Advertencia a Renfe do risco dun accidente en Angrois como o que acabou sucedendo realizada por un maquinista xefe CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.