Repartir a alcaldía dous anos para cada un: así saíu no pasado en Baiona e Toques

Casas do Concello de Baiona e Toques © Concellos de Baiona e Toques

Os acordos entre partidos para alternarse o bastón de rexedor nun mesmo mandato tiveron resultados dispares en Galicia tras acadarse en ocasións en circunstancias extraordinarias como tras unha condena por abuso sexual

Dous anos ti e dous anos eu. Esa é a proposta que lanzou nos últimos días o portavoz de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, ao PSdeG para repartirse a alcaldía da cidade a partir deste sábado. Esa mesma proposta foi lanzada por Ciudadanos ao PP para a alcaldía de Madrid, e será a que permitirá gobernar a PSOE e Ciudadanos en Albacete e Ciudad Real. 

O reparto de tempos na alcaldía entre dous partidos é unha solución pouco frecuente, pero que xa tivo as súas experiencias pasadas en Galicia, en circunstancias moi peculiares e con resultados dispares. Así o demostraron os casos de Baiona, onde en 2001 un independente rompeu o pacto e non cedeu a alcaldía ao PP como acordaran dous anos antes, e Toques, onde entre 2007 e 2011 PSdeG e PP se repartiron a alcaldía co apoio do BNG para lograra apartar dela ao anterior rexedor, condenado por abusos sexuais. 

Baiona, 1999

En Baiona un independente que fora condenado por prevaricación pactou co PP en 1999 repartirse a alcaldía, pero dous anos despois negouse a deixar o cargo e seguiu gobernando en solitario

Tras as eleccións de 1999 en Baiona, Corporación con 17 concelleiros, foi investido alcalde o candidato do PSdeG malia contar con só 2 edís ao recibir o apoio doutras catro formacións para apartar da alcaldía ao PP que viñera gobernando os anos previos con maioría absoluta pero que daquela caera a 7 concelleiros. Antes de que rematase aquel ano o socialista foi apartado cunha moción de censura impulsada polo PP e unha formación independente con 4 edís encabezada por un ex-rexedor, Benigno Rodríguez Quintas, coñecido como Chicho, que fora condenado por prevaricación anos antes e que tras a súa inhabilitación volvera á política. Se uns meses antes apoiara a investidura do socialista, a finais de 1999 pactaba co PP para repartirse a alcaldía o tempo que restaba de mandato.

Porén, chegado o verán de 2001, cando tocaba cambiar de alcalde, o independente negouse a dimitir e continuou gobernando en solitario outros dous anos máis. O PP nada puido facer xa que, á marxe de contar con poucas ou nulas opcións de pactos co resto de partidos da corporación, a lei electoral contempla que “ningún concelleiro pode asinar durante o seu mandato máis dunha moción de censura”

Nas municipais de 2003 Chicho caeu a tres concelleiros e, malia os antecedentes, volveu pasar algo similar ao ocorrido anteriormente: o resto de formacións volveron pactar con el nun ou noutro momento do novo mandato. Primeiro os seus votos foron decisivos para darlle a alcaldía novamente ao PSdeG e participar nun tripartito xunto tamén co BNG. Pero meses despois o alcalde socialista botaríao do goberno, o que en novembro de 2004 acabaría levando a Chicho a apoiar unha moción de censura impulsada polo PP que colocaría na alcaldía a Jesús Vázquez Almuiña. Tras beneficiarse dos seus votos na censura, tempo despois o novo rexedor popular tamén botaría do goberno a Chicho, que nas seguintes municipais, as de 2007, xa non obtería representación.

Toques, 2007

En Toques PSdeG, PP e BNG puxéronse de acordo en 2007 para apartar ao anterior alcalde condenado por abusos sexuais e cumpriron o pacto de repartirse a alcaldía

Se en Baiona Chicho volveu ser alcalde malia a súa condena previa por prevaricación, en Toques pretendía seguir sendo rexedor o popular Jesús Ares tras ser condenado en 2004 por abusos sexuais. O PP botouno do partido, pero Ares presentouse ás municipais de 2007 como independente e, nunha Corporación de 9 edís, volveu ser o máis votado con 4 concelleiros, seguido polo PSdeG con 2, o PP con outro candidato con outros 2 e o BNG con un. 

Co obxectivo común de apartar da alcaldía ao abusador sexual, PSdeG, PP e BNG asinaron un pacto extraordinario para crear un goberno tripartito. Durante os dous primeiros anos daquel mandato a alcaldía foi para o PSdeG, que lla cedeu ao PP nos dous seguintes, mesmo cuns poucos días polo medio en que recaeu en funcións no BNG.

Nas municipais de 2011 a alcaldía quedou en mans do PP tras pactar cos independentes despois de lograr o obxectivo de apartar ao condenado. Pero a experiencia do reparto da alcaldía non debeu ser mala para PSdeG e BNG porque tras os comicios de 2015 volveron repetila.

Casa do Concello da Rúa © Google

A Rúa, 2015

Neste último mandato BNG e PSdeG repartíronse sen maiores problemas o mandato na Rúa

Fronte a esas dúas experiencias previas extraordinarias, no mandato municipal iniciado en 2015 e que agora remata o reparto temporal na alcaldía foi pactado sen maiores problemas no Concello da Rúa entre PSdeG e BNG. Hai catro anos as urnas deron 5 concelleiros ao PP, 3 ao PSdeG e outros 3 ao BNG. A candidata do BNG foi alcaldesa ata 2017 cando dimitiu e asumiu o cargo ata agora o do PSdeG sen maiores conflitos. O éxito dese acordo foi relativo xa que nas eleccións do pasado 26 de maio o BNG repetiu os seus 3 edís pero o PSdeG baixou a 2, deixando agora a alcaldía en mans do PP, con 4 concelleiros, grazas a un pacto cunha nova formación independente con 2 edís que non tivera representación hai catro anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.