A publicación, a pasada fin de semana, de novas gravacións presuntamente realizadas polo ex-comisario de Policía José Manuel Villarejo que veñen acreditar as ligazóns entre as cloacas do Estado e empresas editoras de medios de comunicación, volveu axitar o panorama político e mediático do Estado. Protagonistas de faladoiros políticos e estrelas televisivas, neste caso Antonio García Ferreras (laSexta) sitúanse no foco pola difusión de mentiras a respecto de Podemos que, atendendo ao contido dos audios, proceden da mesma factoría que outras falsidades a respecto de, por exemplo, o soberanismo catalán.
Diante deste panorama, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ao tempo que outras entidades profesionais (caso da rede que agrupa estes colexios no Estado) sentiu a obriga de manifestarse ante a opinión pública. Concretamente, para evidenciar que "repudia as prácticas que menoscaban a credibilidade do xornalismo". Un "profundo rexeitamento ás prácticas que destas gravacións parecen deducirse" e que "resultan intolerables nun xornalista".
Advirte o CPXG que "non por obvio debe ser ignorado" o feito de que "os xornalistas deben contrastar a información" e, daquela, "non publicar xamais aquela que se considere falsa". E, no caso de confirmarse a posteriori a falsidade, "corrixir coa maior prontitude e coa máxima proxección posible".
O CPXG subliña que "non por obvio debe ser ignorado" que "os xornalistas deben contrastar a información" e cre "imperativo que o conxunto do xornalismo exprese con rotundidade a súa repulsa cara a estes comportamentos afastados da ética profesional"
Partindo desta obviedade, a entidade legalmente facultada para representar a profesión xornalística en Galicia resalta que espallar relatos dos que "se coñece a súa falsidade" e facelo en "conivencia cos poderes ocultos organizados no que se deu en chamar cloacas do Estado é "totalmente contrario á deontoloxía da profesión". "A utilización dos medios en beneficio de intereses espurios vai alén do dereito a unha liña editorial", o cal é "totalmente lexítimo". Porque supón "adentrarse en prácticas incompatibles co exercicio" do xornalismo.
O Colexio resalta que esta maneira de actuar é "minoritaria", pero "non axudan a mellorar a credibilidade dunha profesión que non pasa polo seu momento de maior prestixio". Precisamente por iso, reflexiona, "é imperativo que o conxunto do xornalismo exprese con rotundidade a súa repulsa cara a estes comportamentos afastados da ética profesional" e que "poñen en perigo o libre desenvolvemento da democracia".
Neste contexto, a Xunta de Goberno do CPXG conclúe que "fronte ás presións e intentos de utilización dos medios de comunicación por parte dos grupos de poder", os e as xornalistas deben ser os "principais interesados na total transparencia do ecosistema informativo". "Unha cidadanía informada dos posibles intereses dos grupos mediático é a mellor garantía de que as e os profesionais poidan desenvolver o seu labor informativo con independencia deses intereses", considera. Do contrario, o oficio xornalístico fica reducido a mero "instrumento do poder".