Rueda e PSdeG intercambian chamamentos ao diálogo seguidos de reproches mutuos

Alfonso Rueda na súa primeira sesión de control no Parlamento como presidente da Xunta CC-BY-NC-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O portavoz socialista teme que o popular “vaia converterse nun presidente tutelado, irrelevante”, e recibe como resposta que actúa con “sucursalismo” do PSOE estatal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, intercambiaron este mércores, na primeira sesión de control ao primeiro no Parlamento, cifras positivas ou negativas sobre a situación en Galicia de diversos sectores. Foi un debate no que o contido de fondo, nada novidoso, quedou eclipsado polas formas, cos dous protagonistas intercambiándose chamamentos ao diálogo pero seguidos de reproches mutuos, e coa bancada do PPdeG aplaudindo ao seu líder de forma prolongada como ocorre nas grandes ocasións ou nas grandes intervencións malia que a sesión deste mércores non pase á historia.

Debate entre Luis Álvarez (PSdeG) e Rueda na primeira sesión de control do popular como presidente da Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Ante os reproches de Álvarez a Rueda sobre todo tipo de eivas na situación actual de Galicia, o presidente respondeulle afeando que os socialistas non lle dean “nin cen días, nin cen horas, nin cen minutos”. “Empezamos hai dez días”, dixo o presidente, quen admitiu que “claro que no debate de investidura non puiden falar de todo aquelo que estamos facendo”. 

Na súa segunda intervención Álvarez replicou a Rueda que “aprendeu ben do seu xefe a botar balóns fóra” e amosou o seu temor de que “vaia converterse nun presidente tutelado, irrelevante”. “Traballen, que levamos tres meses cun Goberno da Xunta de brazos caídos desde que a señora Díaz Ayuso decidiu que Galicia tiña que cambiar de presidente”, dixo o socialista.

Rueda pechou o debate afeando ao socialista as súas “descualificacións que case rozan o persoal” e acusou ao PSdeG de “sucursalismo” do PSOE estatal.

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, na primeira sesión de control a Alfonso Rueda como presidente CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.