A infraestrutura é froito do desdobramento do segundo treito do corredor Nadela-Sarria inaugurado en 2008
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou este mércores o seu primeiro treito de autovía desde que tomou posesión do cargo hai medio ano. Foron os 11 quilómetros que separan A Pobra de San Xiao, en Láncara, e o enlace central de Sarria, froito do desdobramento dese segundo treito do anterior corredor Nadela-Sarria.

O corredor entre Nadela, nas proximidades da cidade de Lugo, e Sarria foi inaugurado en 2008 cun carril por sentido. En 2015 sería aberta a súa continuación ata Monforte, e case de inmediato a Xunta comezou a planificar o seu desdobramento en autovía. Esa ampliación iniciouse polo treito agora inaugurado, duns 11 quilómetros, por consideralo o Goberno galego o prioritario ao ser o que estaba a rexistrar un maior aumento do tráfico e tiña unhas maiores pendentes. A obra agora inaugurada supuxo un investimento duns 25 millóns de euros.
O desdobramento en autovía do resto do corredor aínda terá que agardar. A Xunta aínda está a elaborar o proxecto para esa actuación no primeiro treito, entre Nadela e A Pobra de San Xiao, ao longo doutros 16 quilómetros.

No acto deste mércores Rueda asegurou que a Xunta está a cumprir con este tipo de actuacións coa vertebración interior de Galicia e afeou ao Goberno de España que non faga o mesmo impulsando outras varias infraestruturas de titularidade estatal.