A inmobiliaria cántabra Mikeli segue a ter á venda por 8 millóns de euros o Pazo de Meirás, cumprindo así a encomenda da familia do ditador Francisco Franco. Iso non impide, así e todo, que os herdeiros do xeneral golpista especulen co histórico edificio entregado ao seu avó en 1938 mediante doazóns forzosas en plena represión tras a sublevación militar contra a II República. Un dos netos, Francisco Franco Martínez-Bordiú, vén de cumplimentar o trámite da lei de patrimonio cultural que obriga a comunicar á Xunta a intención de vender calquera propiedade declarada Ben de Interese Cultural (BIC). Pero a operación comunicada non é a da inmobiliaria: o alcumado como Francis Franco quere vender a parte que herdou de Meirás a unha das dúas empresas.
A operación, confirmada pola Xunta ao xornal La Voz de Galicia, ten como destinataria a compañía Pristina S.L., unha empresa con sede en Madrid que ten o neto do ditador como administrador único e cuxos activos ascenden a uns 18 millóns de euros, compostos fundamentalmente por patrimonio inmobiliario. Esta comunicación á Xunta abre, segundo o marcado pola lei, o prazo legal de tres meses para que o propio Goberno galego exerza o dereito de tanteo, isto é, para presentar unha oferta para comprar o pazo que tería prioridade. Así e todo, dende a Administración galega xa se desbota pagar cantidade ningunha aos Franco, na liña do acordo parlamentario unánime sobre a recuperación de Meirás.
Un dos netos do ditador iniciou os trámites para vender a parte que herdou do pazo a unha das súas empresas
Todo semella indicar que a intención última dos Franco con esta pretensión de autovenda do Pazo de Meirás é a de atrancar as accións legais que poida poñer en marcha o Estado para recuperar o edificio e por isto tanto o Concello de Sada como a Deputación da Coruña instan o Goberno de Pedro Sánchez a se poñer en marcha de inmediato. Non é posible esperar "un minuto máis", reivindican dende o goberno local que encabeza Benito Portela. Como lembrou recentemente en entrevista con Praza.gal, o propio rexedor dirixiuse por carta a Sánchez en dúas ocasións e reclamou que a reforma da lei de memoria histórica para sacar a Franco do Valle de los Caídos atinxa tamén a Meirás. "Supoño que o conxunto de todas as forzas democráticas intentarán recuperar o Pazo para o patrimonio público antes de que os herdeiros do ditador poidan especular cun ben que ten que ser de todos", subliñara.
"Esiximos que as institucións democráticas se xunten para impedir que sigan utilizándose os métodos da ditadura e que o pazo pase a ser propiedade pública por xustiza e limpeza democrática"
Neste sentido, tamén a Deputación coruñesa, que impulsou a Xunta pro Devolución do Pazo xunto a concellos e entidades de recuperación da memoria histórica, insta os gobernos galego e central a "actuar de maneira urxente e iniciar o proceso xudicial para recuperar o Pazo de Meirás". A présa ten que ser "especial", sinala a vicepresidenta do ente provincial, Goretti Sanmartín, "ao se saber que un dos descendentes pode tentar unha nova operación ficticia para blindar a propiedade".
O informe xurídico elaborado polo profesor da USC Xabier Ferreira sobre o espolio de Meirás, lembra Sanmartín, xa detallaba a "operación ficticia de Franco para facerse co pazo e abriu as portas para a súa recuperación pola vía xurídica". "Temiamos que se puidese producir outra operación ficticia como a que agora se anuncia" e por iso, sinala, a Xunta pro Pazo fai un chamado á rapidez e á unidade. "Esiximos que as institucións democráticas se xunten para impedir que sigan utilizándose os métodos propios da ditadura e que o pazo pase a ser propiedade pública por xustiza e por limpeza democrática, conclúe.