Sánchez di ignorar onde foi Juan Carlos de Borbón, situado entre Portugal e a República Dominicana

Juan Carlos de Borbón, chegando á entrega duns premios náuticos en Sanxenxo CC-BY-SA Xunta

Un ex-monarca en paradoiro descoñecido a efectos oficiais e políticos. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, compareceu este martes ante a prensa tras a reunión do Consello de Ministros na que noutro momento sería unha rolda de prensa ordinaria no remate do curso político, previa á pausa vacacional. A intervención do líder socialista estivo marcada pola xestión da crise do coronavirus pero, como era de agardar, as preguntas da prensa xiraron sobre todo en torno á marcha de España de Juan Carlos I en pleno aluvión de escándalos financeiros.

"Non se xulgan institucións, xúlgase ás persoas", di Sánchez, quen considera que a Casa Real "marca distancias sobre unha serie de condutas que poden ser susceptibles de cualificarse como irregulares"

Unha vez confirmada a fuxida, multiplicáronse os interrogantes sobre o destino do monarca emérito. Diversas informacións sitúano entre Portugal e a República Dominicana e, ao ser cuestionado ao respecto, Sánchez dixo "non ter a información". Fíxoo, como informan Íñigo Aduriz e Aitor Riveiro para eldiario.es, nunha intervención marcada pola defensa da institución monárquica: "Non se xulgan institucións, xúlgase ás persoas", recalcou.

A xuízo de Sánchez, "o máis importante" non é onde se atopa quen foi xefe do Estado dende 1975, tras a morte do ditador que o designara como sucesor, e a abdicación de 2014. O relevante, coida o presidente do Executivo, é que "dixo que se pon á disposición da Fiscalía e da Xustiza" no caso de ser reclamado nos casos que se están a investigar, como o dos presuntos cobramentos de comisións a cambio de xestionar contratos para empresas ferroviarias españolas en Arabia Saudita.

Pedro Sánchez, comparecendo na Moncloa este 4 de agosto © Fernando Calvo / Goberno de España

Neste sentido, nun clima de aberta tensión co seu socio de Goberno, Unidas Podemos -a formación que encabeza Pablo Iglesias asegura que non soubo do que ía acontecer ata que sucedeu-, Pedro Sánchez ve axeitado que Juan Carlos de Borbón decidise marchar. "España -reflexiona- necesita de estabilidade e de institucións robustas" que fagan gala de "exemplaridade, transparencia e rexeneración". Por iso ve "adecuada" a "liña marcada pola Casa Real" nun contexto no que, advirte, "o Goberno que eu presido considera plenamente vixente o pacto constitucional".

Pedro Sánchez evita tamén concretar o papel xogado polo seu Goberno na decisión anunciada o pasado luns -"os asuntos dos despachos entre o xefe do Estado e o presidente do Goberno son discretos e confidenciais"-, sen ben admite a súa intención. A "decisión que toma a Casa Real", matizou, "marca distancias sobre unha serie de condutas que poden ser susceptibles de cualificarse como irregulares"

Dende Galicia a Portugal... E á República Dominicana?

Mentres o Goberno de España nega saber onde está o ex-xefe do Estado, diversos medios coinciden en que Juan Carlos de Borbón estivo a pasada fin de semana en Sanxenxo, onde pasou longas temporadas nos últimos anos, e que dende alí partiu cara a Portugal. Así, por exemplo, a portuguesa TVI situouno en Cascais o propio luns, concretamente en Estoril, onde estiveran exiliados os seus pais.

Marcelo Rebelo de Sousa, presidente de Portugal, recibido polos reis de España no Palacio de La Zarzuela en 2019 © Casa Real

O xornal Público indica que o actual rei tratou con Rebelo de Sousa "o futuro de Juan Carlos" nun encontro secreto en Madrid

O xornal portugués Público di ter confirmado que o pasado 18 de xullo Juan Carlos de Borbón xa estivera en Portugal e dous días despois, o presidente da República portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, viaxou a Madrid "sen comitiva" para atoparse con Felipe VI, ademais de visitar o Museo do Prado. "Os dois chefes de Estado discutiram então a questão do futuro de Juan Carlos", sinala o Público.

Na tese da estancia en Portugal coincide tamén El Confidencial, xornal que este martes asegura que o anterior xefe do Estado ficou "instalado" en Azeitão, preto de Setúbal, acollido por unha familia de nobres, os Brito e Cunha-Espírito Santo. Outros medios, non obstante, aseguran que a presenza de Juan Carlos de Borbón en Portugal sería transitoria. Segundo o ABC, o plan do monarca pasaba por voar dende o Porto á República Dominicana e alí instalarse nun complexo turístico de luxo propiedade da familia Fanjul, "unha coñecida familia cubana afincada en Miami que fixo fortuna grazas ás plantacións de azucre", segundo La Vanguardia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.