Sánchez fai vicepresidenta primeira a María Jesús Montero tras a marcha de Calviño ao Banco Europeo de Investimentos

Carlos Cuerpo, novo ministro de Economía, e María Jesús Montero, ministra de Facenda que agora ascende a vicepresidenta primeira © infoLibre

O novo ministro de Economía será o ata agora secretario xeral do Tesouro, Carlos Cuerpo, que se presenta como continuísta da súa antecesora

A ministra de Facenda e ata agora vicepresidenta cuarta do Goberno de España, María Jesús Montero, vén de ser ascendida este venres por Pedro Sánchez a vicepresidenta primeira tras a marcha ao Banco Europeo de Investimentos (BEI) de quen ata agora ocupaba ese posto, a galega Nadia Calviño. Ademais, a carteira de Economía que ata agora ocupaba Calviño será agora para Carlos Cuerpo, un perfil técnico e que se presenta como continuísta da súa antecesora.

María Jesús Montero e Nadia Calviño nunha imaxe de arquivo © Borja Puig de la Bellacasa / Goberno de España

Sánchez fixo públicos os cambios no seu Goberno, producidos pouco máis dun mes despois da toma de posesión do anterior pero previstos desde hai días tras confirmarse o nomeamento de Calviño para o BEI, cunha declaración institucional desde La Moncloa. No novo Executivo a vicepresidencia segunda seguirá en mans de Yolanda Díaz e a terceira en Teresa Ribera.

Montero, nova vicepresidenta primeira, chegou ao primeiro Goberno de Sánchez tras a moción de censura contra Mariano Rajoy en 2018 como ministra de Facenda e neste tempo ocupou tamén a portavocía do Executivo e foi nomeada vicesecretaria xeral do PSOE.

Canto ao novo ministro de Economía, Carlos Cuerpo, era ata agora secretario xeral do Tesouro e Financiamento Internacional. Nacido en Badaxoz en 1980 e licenciado en Economía, é economista do Estado desde 2008.

José Luis Escrivá, ministro de Transformación Dixital que agora asumirá tamén Función Pública © Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións

Ademais destes cambios de persoas, Sánchez tamén decidiu traspasar a competencia de Función Pública, que ata agora estaba no Ministerio de Facenda de María Jesús Montero, ao Ministerio de Transformación Dixital, de José Luis Escrivá, mudanza que Sánchez xustifica nunha "aposta por unha administración moderna, máis axil, eficiente, que aproveite todas as oportunidades da dixitalización". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.