Sánchez mantén o núcleo duro do Goberno, coas galegas Calviño e Díaz de vicepresidentas primeira e segunda

Pedro Sánchez, e as galegas Nadia Calviño e Yolanda Díaz, no Congreso © GP PSOE

O novo goberno de coalición de PSOE e Sumar en España estará conformado por 22 ministerios e Pedro Sánchez mantén nel o seu núcleo duro. Repetirá a ferrolá Yolanda Díaz, que volverá ser unha das vicepresidentas e volverá ocupar a carteira de Traballo, pero non o outro galego que formou parte nos últimos meses do executivo de Sánchez, José Miñones, que deixa Sanidade. 

Perde acento galego un goberno no que se manteñen, respecto á anterior lexislatura, a propia Díaz, vicepresidenta segunda, ademais das que serán as outras tres vicepresidentas do total de catro coas que contará o executivo: Nadia Calviño (vicepresidenta primeira e titular de Economía), María Jesús Montero (que sae reforzada coa vicepresidencia terceira, ademais de continuar á fronte de Facenda e Función Pública), e Teresa Ribera (vicepresidenta cuarta e responsable da carteira para a Transición Ecolóxica). 

As ministras Montero e Díaz, nunha foto de arquivo © Pool Moncloa/Fernando Calvo

Tamén seguen Félix Bolaños, que pasa a ser o home forte do Goberno ao ser titular de Presidencia e facerse cargo tamén de Xustiza; Fernando Grande-Marlaska, que continuará á fronte de Interior malia a importante contestación ao seu labor desde a esquerda; José Manuel Albares (Exteriores); Luis Planas (Agricultura e Pesca) e Margarita Robles (Defensa). 

Bolaños pasa a ser o home forte do Goberno, ao asumir Presidencia e Xustiza, e Montero suma a vicepresidencia cuarta a Facenda

Continúan tamén Diana Morant (que suma Universidades ao que será o macroministerio de Ciencia); José Luis Escrivá, que deixa Seguridade Social para encargarse da nova carteira de Transformación Dixital; Isabel Rodríguez, que deixará de ser a voceira e asumirá desta vez Vivenda e Axenda Urbana; e Pilar Alegría, que mantén Educación pero incorpora Deportes e será, ademais, a nova portavoz do executivo. 

Entre as novidades destaca Ángel Víctor Torres, ex-presidente das Canarias, que será o novo ministro de Política Territorial; o ex-alcalde de Barcelona Jordi Hereu, que será o titular de Industria; o ex-rexedor de Valladolid, Óscar Puente, que estará á fronte de Transportes; e a tamén concelleira na cidade castelá, Ana Redondo, que levará Igualdade. Ademais, a portavoz do PSN no Concello de Pamplona, Elma Saiz, será ministra de Seguridade Social. 

Sánchez advirte o "marcado carácter feminista" dun goberno con máis ministras (12) que ministros (10) e prevé unha "lexislatura de alto perfil político"

"É un gabinete con alto perfil político para dotar de estabilidade ao país" e para unha "lexislatura de alto perfil político", explicou Sánchez en rolda de prensa, onde lembrou que o gabinete ten máis ministras: doce mulleres por dez homes. Así, advertiu dun executivo cun "marcado carácter feminista". 

Ademais, destacou que será unha lexislatura "marcada polo diálogo" e gabou a "solidez das carreiras políticas" dos ministros e ministras, que cre que teñen os "perfís idóneos". "Isto é un factor decisivo como método para forzar acordos", insistiu. 

Sánchez, por outra banda, enumerou os principais obxectivos que se marca o novo goberno para os vindeiros anos: o pleno emprego, seguir reforzando o Estado do benestar, a mellora do acceso á vivenda, continuar impulsando a transición ecolóxica xusta, manter o liderado na UE, garantir a concordia, facer fronte ao reto demográfico e seguir facendo de España un referente mundial en igualdade. 

Margarita Robles, María Jesús Montero e Fernando Grande-Marlaska © GP PSOE

A socialista Ana Redondo substitúe a Irene Montero á fronte de Igualdade, que volve ás mans do PSOE e que deixa a Podemos sen carteira

Coa nova composición do executivo, caen do último dos gobernos de Sánchez, ademais de Miñones, Miguel Iceta (que levaba Cultura e Deportes), Héctor Gómez (Industria, Comercio e Turismo), Raquel Sánchez (Transportes), Pilar Llop (Xustiza), Ione Belarra (Dereito Sociais e Axenda 2030), Alberto Garzón (Consumo), Joan Subirats (Universidades) e Irene Montero, que non seguirá á fronte de Igualdade. 

A súa substituta foi a última ministra en coñecerse durante unha mañá na que se foron filtrando nomes aos poucos en diferentes medios. No entanto, o de Ana Redondo —concelleira socialista en Valladolid— non se soubo ata o final, confirmándose que a carteira quedaba en mans do PSOE. 

Porque, finalmente, nin Podemos terá representación no executivo nin Irene Montero repetirá en Igualdade, tal e como solicitaba a formación morada, que levou a súa lea con Sumar ata o último minuto. 

O pasado venres, a plataforma que lidera Yolanda Díaz propuxo a Nacho Álvarez  —integrante de Podemos pero achegado ao equipo da galega— como ministro, pero Podemos insistiu na carteira de Igualdade e en Irene Montero mentres Álvarez decidía deixar a política ante a falta de confianza da dirección do seu partido. 

Así, Sumar contará finalmente con cinco carteiras no novo executivo. Ademais da de Traballo e a vicepresidencia para Yolanda Díaz, contará tamén con Mónica García, Ernest Urtasun, Pablo Bustinduy e Sira Rego, repartindo postos entre as súas principais familias políticas e incorporando un independente que formou parte dos inicios de Podemos, partido que queda fóra do Consello de Ministros. 

Mónica García, nova ministra de Sanidade © Más Madrid

Bustinduy (ex de Podemos), Mónica García (Más Madrid), Urtasun (Comuns) e Sira Rego (IU) serán os ministros de Sumar xunto a Díaz

Bustinduy, que chegou a ser candidato de Podemos nas europeas de 2019 pero que finalmente renunciara polas diferenzas entre Íñigo Errejón e a formación morada, será o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, carteira que recaeu na pasada lexislatura en mans de Pablo Iglesias e logo de Ione Belarra. 

O Ministerio de Sanidade, pola súa banda, ocuparao a líder de Más Madrid, Mónica García, mentres que o de Mocidade e Infancia será liderado por Sira Rego, portavoz de Izquierda Unida. Ademais, o Ministerio de Cultura vai para o eurodeputado dos comúns, Ernest Urtasun. 

"Todo o goberno exercerá de galego"

Desde Galicia, o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, restou importancia á nula presenza de ministros do partido no goberno e ratificou o "compromiso total" con Galicia do executivo de Sánchez. 

“Todo o goberno, co presidente á cabeza, exercerá de galego”, dixo Besteiro, que salientou o papel da vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, que cre que é “a mellor ministra de Economía que tivo España” e que o acompañou no primeiro acto como candidato oficial á Xunta de Galicia, que é unha das dúas vicepresidentas de orixe galega. Sinalou que Calviño é “unha coruñesa admirada en toda Europa” e que, engadiu, “sempre leva Galicia alí onde exerce”.

"Máis alá das dúas vicepresidentas galegas, o importante son as políticas”, engadiu Besteiro, que augurou que estarán centradas en Galicia, e que contrastou coa traxectoria de Feijóo e Rueda, que “votaron ata en contra do galego” cando o Congreso debateu o uso das linguas cooficiais.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de sorprendente que, "tras os anuncios feitos" polos socialistas galegos, o PSdeG teña "pouco peso" na conformación do novo executivo, á vez que criticou que as "hipotecas" coas que nace este executivo e que, segundo cre, impiden reducir o número de ministerios, que se mantén en 22.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.