Deputado e actual portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino contaba con construír unha candidatura unitaria e renovar así a dirección da formación en Galicia baixo o seu liderado e co apoio da dirección estatal. A irrupción de Carolina Bescansa mudou algo os plans de quen ve "ilusión" nunha campaña de primarias que cre que está pondo fin ao distanciamento que di que notaba nos últimos meses respecto do partido entre a sociedade e os propios inscritos. "Tamén tivo que ver con que se percibiu que as cousas non se facían ben", di.
Como leva a campaña?
Está sendo moi satisfactoria. Estamos notando ilusión, cuns actos aos que acode bastante xente e persoas de perfís moi distintos. Nos últimos días vólvese achegar aos actos xente que se distanciara do partido e iso parécenos fundamental. Cando dicimos que hai que facer un Podemos forte, unido e con horizonte, é clave que aquela xente que se viu distanciada nos últimos meses se volva sumar ao proxecto.
"Estanse achegando aos actos xente que se distanciara do partido e iso é fundamental"
A que cre que se debeu ese distanciamento?
Esta campaña ten que mirar cara adiante, pero a propia convocatoria desta asemblea cidadá fala por si mesma. Foron os propios círculos os que entenderon que non se daba unha situacion correcta co espazo orgánico de Podemos en Galicia. Agora, a partir do día 25, hai que construír un Podemos forte, con interlocutores claros e un proxecto claro tanto para a organización como para o proxecto de cambio no país.
A mobilización social tamén caera un pouco nos últimos meses...
A axenda de mobilización volve estar activa. Hai mobilizacións polas pensións e moitas outras. Para nós é satisfactorio ver como moitos dos compañeiros de Podemos están a participar de maneira moi activa nelas. O ciclo mobilizador puido ter unha fase máis baixa no momento da chegada ás institucións, pero hai que ser autocrítico e ese distanciamento tamén tivo que ver con que a xente percibiu que as cousas non se estaban a facer ben.
"O distanciamento de moita xente con Podemos tivo tamén que ver con que se percibiu que as cousas non se facían ben"
Sorprendeulle a candidatura de Carolina Bescansa?
Traballei durante semanas para intentar construír unha candidatura de unidade que incluíse a dirección saínte; foi un esforzo que fixen porque creo que o mandato das bases e mesmo da sociedade que nos apoia é que construamos unha organización que saiba chegar a acordos e que camiñe na unidade. Deuse esta ruptura da unidade por parte de Carmen Santos e Carolina Bescansa e só me queda respectalo. Non conseguimos facer unha candidatura de unidade, pero si unha de encontro, na que se atoparon moitas sensibilidades e actores políticos con xente das bases, dos círculos, cargos orgánicos e públicos. Estamos contentos e ilusionados.
Houbo duras críticas, tamén súas, contra Carolina Bescansa no momento de presentar a súa candidatura, sobre todo polo feito de que leve tempo fóra do país. Mantenas?
O importante é que todos sexamos conscientes de que os desafíos de Podemos Galicia implican un enorme esforzo. Todos temos que aclarar con contundencia cal vai ser o noso obxectivo fundamental a partir do día 25. Os meus van ser dous, fundamentalmente: en primeiro lugar, continuar co traballo de levar as demandas dos galegos e galegas ao Congreso e, espero, a partir do 25, liderar Podemos Galicia cunhas e con outras.
A marca marea está moi consolidada a nivel galego e en moitos municipios, vai Podemos reclamar a súa nas candidaturas municipais?
Os inscritos de Podemos falaron xa e marcaron un camiño claro en Galicia: que é importante buscar alianzas para gañar nas eleccións locais e ir máis alá no que hai construído no país. Hai que buscar fórmulas nas que se visualice e vexa claramente que Podemos participa dunha forma activa neses espazos. Que se saiba con claridade que Podemos participa nos espazos de cambio do país non é algo que demanden ou sexa positivo para os inscritos de Podemos, senón que o conxunto de aliados do cambio saben positivamente que é importante que as candidaturas se identifiquen con Podemos tamén.
"Os aliados nos espazos do cambio saben que é importante que as candidaturas locais se identifiquen con Podemos tamén"
Como se resolve ese debate que haberá, ben seguro, en moitas localidades?
Creo que isto se resolve falándolle á xente do problema das pensións, da negociación da PAC, da suba do salario mínimo, dos problema do sector lácteo... Sei que o das fórmulas xurídicas é relevante sobre todo para as organizacións, pero facemos un fraco favor se o único que se traslada á opinión pública é iso. Dito isto, os inscritos de Podemos xa falaron: alianza e gañar eleccións, e a mellor fórmula para facelo é que Podemos estea presente e iso quere dicir reclamar espazo pero tamén implicarse. Eu, se son secretario xeral, farei un chamado para que a xente de Podemos se implique activamente en todos os procesos de unidade popular no país.
"Se lidero Podemos Galicia, farei un chamado aos inscritos para que se impliquen activamente en todos os procesos de unidade popular no país"
O acordo de Podemos e PSOE para os Orzamentos suporá un impulso ás expectativas da formación?
O acordo vese socialmente como algo moi importante, esa é a miña percepción, que a xente está satisfeita. Evidentemente, non son as medidas que aplicaríamos se nós gobernásemos, pero supoñen un cambio importante. O acordo non é de Podemos co PSOE só porque nel participaron tamén En Marea e En Comú Podemo. E quero destacar que é un acordo que ten unha axenda galega no centro, que ten cuestións moi importantes para a sociedade galega, para un país cun 25% de pensionistas ou cuns salarios dos máis baixos do Estado. A sociedade está percibindo que somos útiles nas institucións e que, ademais de ter sido claves para botar a Rajoy, tamén o somos para que se acaben coas políticas do PP.
A axenda galega que reclama En Marea acabarase incluíndo nese acordo orzamentario?
Hai cuestións da axenda galega que xa se recollen implicitamente no preacordo orzamentario, como mesmo recoñece a ministra Batet, pero temos que seguir camiñando. Quedan semanas para chegar ao acordo definitivo e creo que as demandas galegas se incluirán porque son demandas maioritarias da sociedade galega. E creo, honestamente, polos diálogos que estamos tendo co Goberno, que será sensible a demandas que o PSdeG está apoiando igual ca nós en Galicia. O noso compromiso é arrincarlle moitas cuestións a este Executivo e hai que avanzar, non só de cara a 2019, senón de cara a consolidar máis demandas no futuro.
"Creo que o Goberno central incluirá as demandas de En Marea porque son maioritarias en Galicia e están apoiadas polo PSdeG"
Cre que os independentistas cataláns votarán a favor dos Orzamentos?
Os partidos cataláns recoñecen que este acordo, no que ten que ver coa axenda social, é tamén positivo para Catalunya. Creo que hai que afondar nesta axenda social e dar pasos na normalización democrática de Catalunya. Aí o papel de En Marea é sempre o mesmo: axudar a un proceso de normalización democrática e aque aqueles mecanismos de anormalidade democrática que vén sufrindo a sociedade catalá rematen de vez.