"Se ti votas, eles marchan”: Besteiro pide "mobilización social" fronte a un PP que "quere que a campaña pase desapercibida"

Gómez Besteiro, este sábado na presentación das candidaturas do PSdeG © PSdeG-PSOE

Patricia Iglesias (A Coruña), Lara Méndez (número 2 por Lugo), Carmen Dacosta (Ourense) e Elena Espinosa (Pontevedra) acompañan o candidato socialista á Presidencia da Xunta

O PSdeG-PSOE presentou este sábado en Compostela as candidaturas socialistas para as eleccións do vindeiro 18 de febreiro, unhas listas que, ademais de José Ramón Gómez Besteiro (candidato á Presidencia da Xunta e número 1 por Lugo) estarán encabezadas por catro mulleres: Patricia Iglesias (número 1 pola Coruña), Lara Méndez (número 2 por Lugo), Carmen Dacosta (número 1 por Ourense) e Elena Espinosa (número 1 por Pontevedra).

Apoiado no lema Desta vai, Gómez Besteiro defendeu que o PSdeG representa “o galeguismo útil, o que soluciona os verdadeiros problemas dos galegos e das galegas, o que consigue para o noso país o que ningún outro partido é capaz de conseguir”. E contapuxo o liderado socialista ao "desastre institucional” do Goberno do PP na xestión da crise dos pellets. Besteiro comprometeuse "a liderar un goberno que diga a verdade e que conteste” e dixo que "no futuro Goberno non imos ter un presidente que tarde case un mes en baixar ás praias". O líder do PSdeG sinalou á xestión “torpe e incompetente” de Rueda que "afrontou a chegada de pellets demostrando inacción, incompetencia, soberbia e mentiras”. 

Listas electorais do PSdeG para o 18F CC-BY-SA Praza Pública

Apoiado no lema Desta vai, Gómez Besteiro defendeu que o PSdeG representa “o galeguismo útil, o que soluciona os verdadeiros problemas dos galegos e das galegas"

Así mesmo, instou a "cambiar o motor de Galicia" con "liderado, fortaleza e solvencia" e destacou que "a alternativa de goberno liderada polo PSdeG" está centrada "na blindaxe dos servizos públicos e a reactivación económica de Galicia en base ao emprego de calidade". Neste senso, defendeu un plan integral de recuperación da Atención Primaria para evitar o colapso das urxencias, que constitúe “outra gran crise que seguen negando dende o goberno galego". Ademais, propuxo un plan de choque de política de vivenda cunha batería de medidas que garanta o acceso á vivenda con prezos xustos.

"A alternativa de goberno liderada polo PSdeG" está centrada "na blindaxe dos servizos públicos e a reactivación económica de Galicia en base ao emprego de calidade"

O candidato socialista apostou por ”seguir traballando pola reindustrialización de Galicia no marco da transición ecolóxica e no contexto de emerxencia climática. Reclamou un transporte metropolitano “que funcione” e que estea “realmente ao servizo dos galegos e das galegas”. E, igualmente, propuxo un Pacto Galego polo Eólico e as enerxías renovables que faga de Galicia “un territorio enerxético”.

Presentación das candidaturas do PSdeG ás eleccións do 18F © PSdeG-PSOE

O líder do PSdeG advertiu que a dereita “quere que a campaña pase desapercibida para frear a marea de apoio socialista" porque "saben que se ti votas, eles marchan”

No acto celebrado este sábado no Multiusos Fontes do Sar, Besteiro afirmou que mentres a Rueda “só lle interesa falar do quelle mandan desde Madrid”, os socialistas "presentan propostas". 

O líder do PSdeG dixo que “todos sabemos que nestas eleccións o gran rival do PP é o Partido Socialista”, e chamou á militancia socialista "a liderar a mobilización social que repita o respaldo que obtiveron nos pasados comicios locais e xerais", e cos que “Galicia gaña, e o PP perde”. Advertiu que a dereita “quere que a campaña pase desapercibida para frear a marea de apoio socialista" porque "saben que se ti votas, eles marchan”.

Catro mulleres á fronte das listas

Besteiro dixo que “todos sabemos que nestas eleccións o gran rival do PP é o Partido Socialista”, e chamou á militancia socialista "a liderar a mobilización social que repita o respaldo que obtiveron nos pasados comicios locais e xerais"

No acto interveu a número 2 por Lugo, a ex alcaldesa Lara Méndez, que defendeu o proxecto de goberno de Besteiro para situar a Galicia “na vangarda e no futuro”, que pare coa fuga de talento da mocidade mellor preparada. A cabeza de lista por Ourense, Carmen Dacosta, chamou á mobilización para “pasar páxina e mudar o futuro de Galicia” fronte a un Rueda “gris” que obvia ás mulleres, aos mozos, aos dependentes, parados, ao sector industrial e aos concellos e reivindicou a “aposta polo reequilibro territorial”.

A número 1 por Pontevedra, Elena Espinosa, animou á cidadanía a “limpar a contaminación política da Xunta de Galicia” e reclamou un goberno socialista que remate co “desprezo” aos alcaldes e alcaldesas do PSdeG. Finalmente, a cabeza de lista por A Coruña, Patricia Iglesias, criticou a xestión dun PP que “coloniza a Xunta negándose a desenvolver o autogoberno” e sinalou: “a Xunta é das galegas e dos galegos”.

Presentación das candidaturas do PSdeG ás eleccións do 18F © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.