Seis accións do PP que contradín as promesas de transparencia da Xunta

Feijóo e o vicepresidente, responsable do programa © Ana Varela

"A todos nos corresponde facer exame de conciencia". A pasada semana o presidente da Xunta comparecía no Parlamento para presentar o seu "plan de impulso democrático". Tras máis de 40 vetos ás solicitudes de comparecencia formuladas pola oposición a respecto de casos de presunta corrupción, como a trama Zeta, Alberto Núñez Feijóo proclamaba deste xeito que as actitudes corruptas e pouco transparentes son cousa de todas as formacións e que, polo tanto, a todas lles corresponde corrixilas. Así, o titular do Goberno galego anunciaba un plan de "cincuenta medidas" que pasa, entre outros movementos, pola aprobación de cinco leis que, en última instancia, din, están chamadas a "rexenerar a vida pública". No entanto, algunhas accións e comportamentos dos populares galegos nos últimos anos van xustamente na dirección contraria destas promesas.

1. Nova lei de transparencia

Segundo o documento difundidod ende o Goberno coa aprobación desta lei "búscase a consolidación dun modelo de goberno aberto" que "garanta a transparencia na actividade da Administración pública e o dereito da cidadanía a acceder á información pública" e a "participar nos procedementos de toma de decisións". Se ben é certo que algunhas das previsións anunciadas suporán, de aplicarse, suporán pasos adiante, non o é menos que o actual Executivo aínda incumpre algúns dos preceptos nucleares da lei de transparencia que leva vixente en Galicia case unha década, a impulsada polo Goberno bipartito en 2006.

A Xunta aínda incumpre a lei de transparencia vixente dende 2006

Como xa detallou este diario aínda é imposible coñecer, por exemplo, os soldos de todo o persoal asesor ao servizo do Executivo aínda que a normativa vixente obriga a facelo. Ademais, membros do Goberno aceptaron agasallos de persoas directamente vinculadas a contratos e axudas da Administración cando xa estaban prohibidos. Do mesmo xeito, e segundo ten denunciado a oposición no Parlamento, a Xunta non ofrece toda a información legalmente obrigatoria sobre os seus contratos públicos.

2. Novo rexistro de convenios

O desenvolvemento da lei de transparencia de 2006 incluíu a posta en marcha do rexistro de convenios, o portal de internet no que a Xunta ten a obriga de publicar os acordos con todo tipo de entidades e asociacións que asina con esta forma xurídica e que, as máis das veces, inclúen achegas de cartos públicos. Malia ser xa unha disposición legal, as diferentes consellarías adoitan publicar con tardanza estes convenios, a información que ofrecen ao respecto adoita ser escasa e, ademais, algúns nin sequera chegan a ser publicados.

O Goberno galego anuncia agora que "ademais de estar accesibles os convenios" a través da Rede "dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro" publicaranse no DOG "unha relación dos subscritos referida ao cuadrimestre anterior", isto é, exactamente ao que obriga o artigo 11 da vixente lei de transparencia. Do mesmo xeito, a Xunta explica que "cando os devanditos convenios impliquen obrigas económicas" terá que "sinalarse con claridade o importe destas, o obxecto do convenio e a persoa ou entidade destinataria da prestación", o que equivale a reproducir literalmente o último parágrafo dese mesmo artigo 11.

3. Impulso dos datos abertos

No devandito plan o Goberno comprométese tamén a impulsar a publicación dos datos da Administración en formato aberto para que estes poidan ser consultados e reutilizados pola cidadanía. Tratarase, en boa medida, promete, de difundir máis e mellor o actual portal de Open Data da Xunta, integrándoo co Portal da Transparencia que a nova normativa estatal obriga a crear. "A publicación dos datos que posúen as Administracións en formatos abertos é a forma óptima de xerar confianza nas institucións porque expón o traballo que se realiza" e "mostra como se xestionan e invisten os recursos públicos".

A Xunta segue a abusar da publicación de datos en formatos imposibles de reutilizar

Isto sucede nun escenario no que, efectivamente, foi o actual Goberno o que creou o antes inexistente portal de Open Data. Non obstante, neste portal abondan moitos datos estatísticos que xa era posible consultar a través do IGE e outros, como listados de prestacións, instalacións ou datas que, malia ter utilidade en ámbitos concretos, son escasamente relevantes para os principais actos da xestión política do Goberno. Mentres, a maioría das consellerías seguen publicando boa parte dos pregos de condicións na Plataforma de Contratación Pública en documentos cuxo texto é imposible reutilizar. Do mesmo xeito, na documentación e respostas parlamentarias que lle ofrece á oposición o Goberno adoita utilizar documentos previamente impresos e despois escaneados como se fosen imaxes, o que dificulta a súa análise e difusión por parte das forzas políticas e os medios de comunicación.

4. Regulamentación da asistencia xurídica a altos cargos

Entre as normas anunciadas por Feijóo figura unha nova Lei de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público. A intención, di o Goberno é "establecer os mecanismos oportunos" para que a Xunta sufrague "só a defensa daquelas persoas que non actuasen de xeito ilexítimo" nin "manteñan no proceso intereses contrapostos" á propia Administración pública. A lei aprobarase, admiten, aínda que os "criterios" básicos para estas situacións están definidos nun decreto do ano 2006 e, ademais, existe "xurisprudencia do Tribunal Supremo" ao respecto.

Esta decisión anúnciase menos dun ano despois de que máis da metade do equipo de goberno do Concello de Santiago, do PP, fose inhabilitado xudicialmente por prevaricar, segundo a sentenza, coa decisión de pagar con fondos públicos a defensa xurídica dun dos concelleiros do propio gabinete, Adrián Varela, imputado no caso Pokémon. A condena produciuse porque, atendendo á devandita xurisprudencia do Supremo, ese gasto só se podería realizar se a imputación se producise por unha actuación con "orixe ou causa directa" no exercicio do cargo e sempre e cando non houbese "abuso, exceso, desviación de poder" ou "intereses particulares". Tamén cabería o pagamento a posteriori, no caso de que "se declare a inexistencia de responsabilidade criminal".

5. Financiamento dos partidos políticos

O Goberno atribúe a necesidade dunha lei sobre financiamento de partidos aos "acontecementos producidos nos últimos tempos"

Como vén anunciando dende hai meses o propio Feijóo, o PP ten intención de aprobar unha lei de financiamento dos partidos políticos "no ámbito autonómico". Alén de que esta intención poida chegar a colisionar coa normativa -vixente e nova- do ámbito estatal dende San Caetano xustifícase esta leipolos "acontecementos producidos nos últimos tempos", que "poñen de manifesto" a "necesidade" de aplicar "medidas conducentes a restrinxir o financiamento dos partidos políticos aos fondos que se fixen nos orzamentos públicos e ás achegas dos seus afiliados e simpatizantes" vetando, entre outras cuestións, as doazóns de empresas.

Esta declaración de intencións prodúcese nun contexto no que as indagacións do caso Gürtel seguen a facer pairar as sombra da dúbida sobre o financiamento do PP de Galicia e no que, ademais, as instrucións de casos como Pokémon e Zeta sementan tamén as dúbidas sobre posibles achegas irregulares aos populares en, cando menos, Ourense e A Coruña. Ademais, segundo o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, o PP foi o partido que, con diferenza, máis doazóns de empresas privadas recibiu nos últimos anos.

6. Limitación dos gobernos en funcións

Outro dos puntos estrela do plan gobernamental é o establecemento de "limitacións" na acción dos gobernos en funcións, isto é, das decisións que pode tomar o Executivo dende que se celebran unhas eleccións ao Parlamento de Galicia e ata que se forma un novo gabinete. Neste punto o Goberno admite que a lei reguladora da Xunta e da súa Presidencia xa limita "a xestión" do goberno en funcións ao "despacho de asuntos ordinarios", evitando "adoptar medidas que condicionen aquelas que deba definir o goberno que o substitúa". Non obstante, sinala, a nova regulmaentación impedirá, por exemplo, adquirir compromisos de gasto que non teñan "consideración de gasto corrente" ou modificar relacións de postos de traballo.

Isto sucede despois de que, na última ocasión en que un Goberno galego saínte era do PP, en 2005, o gabinete vicepresidido polo propio Alberto Núñez Feijóo tomase controvertidas decisións como contratar edificios da Cidade da Cultura -anos despois, en 2011, Feijóo asegurou non sentirse "orgulloso" daquela decisión-. Ademade, cando apenas restaban uns días para que PSdeG e BNG accedesen á Xunta, aquel mesmo gabinete adxudicou as dúas licenzas da televisión autonómica privada.

Feijóo e o vicepresidente, responsable do programa © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.